A ciencia forma parte da cultura e caracteriza, en gran medida, a sociedade na que vivimos. Así, a principal finalidade da educación científica debe ser que as persoas sexan capaces de aplicar as súas aprendizaxes para tomar decisións informadas sobre cuestións persoais, sociais e globais. O alumnado de Educación Primaria debe aprender as posibilidades de intervención no medio de maneira que se favoreza a sostibilidade das formas de vida e do medio ambiente a través dun achegamento ao mundo físico e natural e dunha interrelación coas outras áreas de coñecemento. Trátase dun enfoque globalizado de utilización da ciencia para formar á cidadanía. O alumnado desta titulación, futuro persoal docente, debe promover unha educación científica que axude a pensar, a comunicarse, a facer e a autorregularse, tendo como referente o currículo de Educación Primaria da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
A práctica docente universitaria e as liñas de investigación didáctica neste campo, deben contemplar metodoloxías e construcións conceptuais, procedementais e actitudinais, sempre en interacción e co horizonte do desenvolvemento das competencias básicas, relativas á comprensión da realidade e aos problemas globais de actualidade, tales como os referidos medio ambiente e ao desenvolvemento sostible. Deste modo, partindo das metodoloxías propias da didáctica das ciencias, pódense utilizar os enfoques C-T-S-A, a modelización, a construción do coñecemento arredor de problemas científico-tecnolóxicos, a alfabetización científica e a Educación en Ciencia Global. De forma que inclúa o tratamento da transversalidade, prestando especial atención á igualdade entre homes e mulleres, dentro dun modelo integrador.