É unha materia de seis créditos, que se imparte no segundo cuadrimestre do primeiro curso do grao, e que está concibida como unha continuación da materia Segundo Idioma Estranxeiro I: Alemán, impartida no primeiro cuadrimestre, como un curso de iniciación á lingua alemá básica, así como de introdución elemental ao coñecemento da cultura sobre a que se sostén esta lingua, entendendo con isto a lingua e a cultura dos pobos que se expresan en alemán e de modo principal Alemaña, Austria e Suíza. Xa que logo, debe entenderse esta materia como un medio de consolidación dunha boa base para seguir afondando máis adiante nos coñecementos do alemán, procurando prestar maior atención en posibles futuros cursos á progresión das destrezas orais, cuxa adquisición poderá ser máis rápida unha vez se asenten neste curso as bases gramaticais, léxicas e orais necesarias para unha aprendizaxe oral e práctica da lingua cotiá alemá. Ao superar a materia a/o estudante acadará un nivel A1.2. segundo o Marco Común de Referencia para as Línguas.