Actualmente búscanse propiedades que non achegan unicamente beneficios no comportamento mecánico, senón que se valoran outras características como aparencia, brillo, tacto, etc. e que poden chegar a ser importantes á hora de seleccionar un material ou outro con parecidas características mecánicas. Moitos destes parámetros son variables e mesmo poderían depender de tendencias sociais. O imparable avance da sociedade e a importancia dalgunhas propiedades dos materiais a diferentes escalas, fan que o seu estudo cobre unha especial relevancia dentro do ámbito da Enxeñería.
O obxectivo fundamental da materia Ciencia e Tecnoloxía dos Materiais é o coñecemento dos materiais utilizados en Enxeñaría no referente á súa composición, estrutura e propiedades, así como as causas fundamentais que provocan a súa deterioración,
destacándose as características e aplicacións prácticas dos materiais metálicos, cerámicos e vidros e polímeros e compostos. Ademais, nesta materia desenvolveranse capacidades para aplicar coñecementos teóricos e prácticos co obxectivo de resolver problemas en referencia aos materiais desde un punto de vista básico e multidisciplinar.