Guia docente 2014_15
Facultade de Ciencias da Educación
Grao en Traballo Social
 Materias
  Estatística: Estatística aplicada á investigación social
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Sesión maxistral A metodoloxía que se vai empregar nesta materia ten un carácter eminentemente teórico - práctico. As clases teóricas constitúen o elemento máis importante de transmisión dos coñecementos sobre a disciplina. Por clases teóricas cabe entender aquelas que a docencia se focaliza na exposición dos contidos correspondentes aos distintos temas do programa do curso. O seu obxectivo é proporcionar coñecementos tanto conceptuais como procedementais acerca dos distintos temas tratados e é por iso que, en función da natureza destas, será necesario presentar diferentes tipos de explicación (presentación de definicións, exposición de procedementos, desenvolvemento de técnicas de análises). A metodoloxía predominante será a lección maxistral que se utilizará puntualmente para clarificar os contidos que revistan maior dificultade técnico - metodolóxica para, a continuación, presentar situacións que exemplifiquen o contido do exposto. En xeral, para asegurar a comprensión e dominio da metodoloxía científica farase unha introdución a cada tema, con aclaración da terminoloxía e os conceptos máis importantes, achegando un apoio bibliográfico xeral e específico. De todas as maneiras o tipo de clase teórica vai estar en función dos diferentes bloques do programa, xa que algúns deles van esixir por parte do profesor a elaboración dun material máis esquemático. Como complemento, entregarase unha serie de diagramas que resumen os conceptos fundamentais explicados en cada tema e realizarase unha serie de exercicios prácticos, de forma intercalada, o que confire á exposición un carácter teórico-práctico que forza necesariamente ao alumnado tanto á asimilación como á participación e discusión. Nas exposicións teóricas farase uso do encerado, proxector de transparencias, ordenador e canón.
Resolución de problemas e/ou exercicios de forma autónoma Para resolver problemas e/ou exercicios de forma autónoma, os/as alumnos/as utilizarán a Unidade Didáctica de Estadística Aplicada ás Ciencias Sociais onde atoparán un instrumento indispensable para o seguimento das clases, xa que se inclúen abundantes exemplos dos temas máis relevantes do programa da materia. Os problemas preséntanse sen resolver, cuestión que, en principio, pode ser un inconveniente para os que se inician no estudo desta materia, pero que pronto se converterá en vantaxe, xa que posibilita unha maior participación nas clases prácticas e unha máis frecuente asistencia do alumnado ás titorías, actividade, na nosa opinión, fundamental no proceso docente.
Prácticas de laboratorio A materia de Estatística aplicada ás ciencias sociais debe conferir tanto duns coñecementos como dunhas habilidades ao seu alumnado, por iso require unha metodoloxía didáctica que combine a información coa adquisición dunhas destrezas que permitan pór en práctica os contidos que se imparten. Unha forma práctica de resolver estas dúas esixencias da materia consiste en dotar a materia dunhas horas de prácticas ao longo do cuadrimestre.
Por clases prácticas cabe entender aquelas en que a docencia se focaliza na aplicación dos contidos propios das clases teóricas a casos particulares. O seu obxectivo é o de posibilitar e/ou favorecer un adestramento na utilización dos coñecementos previamente explicados. En xeral, as prácticas teñen a finalidade de exemplificar o contido teórico. Van encamiñadas esencialmente a que o alumno realice transferencias de aprendizaxe de cada ciclo á aplicación práctica do método implicado. Recorrerase a situacións reais de investigación, á simulación de problemas de investigación e a estudos específicos de informes. Cabe destacar o tramento informático co SPSS. O tratamento e análise de datos informatizado abren importantes posibilidades e proporciona á práctica social unha perspectiva innovadora que o traballador social non debe eludir nin renunciar. Co paquete de aplicacións estatísticas (SPSS para Windows) introducirase o uso desta tecnoloxía para realizar as análises estatísticas e os gráficos oportunos.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000