Seguindo as directrices propias da titulación ofreceranse a quen curse esta materia dous sistemas de avaliación: avaliación continua ou avaliación global. Cada estudante pode optar por facer ou non a avaliación continua. Considérase que unha persoa opta pola avaliación continua se realiza a tarefa 2 (aproximadamente a semana 7 do cuadrimestre) ou calquera posterior. A tarefa 1 (partes 1 e 2) poderá realizarse e tras ela non optar á avaliación continua. Tamén se podera optar de novo por avaliación global o día do exame final. Estudantes que optan por avaliación continua: Para a avaliación establécense distintas tarefas avaliables. Cada unha delas cualificarase entre 0 e 10. A nota final das persoas que opten por avaliación continua calcularase como o promedio ponderado, cos pesos indicados a continuación, entre as notas das distintas tarefas e o exame final. A planificación das diferentes probas de avaliación intermedia aprobarase nunha Comisión Académica de Grado (CAG) e estará dispoñible ao principio do cuadrimestre. Indícase a continuación a lista de tarefas e o seu peso na nota final. Tarefa 1: Peso 20%. Consta de dúas partes, ámbalas dúas co mesmo peso: Parte 1: Resolución individual dun problema Parte 2: Corrección do problema realizado por outra persoa Tarefa 2: Realización dun test. Peso 25% Tarefa 3: Entrega dun problema resolto de forma individual. Unha vez asignado o problema, disporase dun prazo de 48h para entregar. Peso 15% Última tarefa: Exame final. Este será unha versión reducida do exame que realizarán as persoas que non opten por avaliación continua. Peso 40%. Antes da realización ou entrega de cada tarefa indicarase a data e procedemento de revisión das cualificacións obtidas. O alumnado terá opción a coñecer a cualificación de cada tarefa e revisar a corrección nun prazo razoable de tempo (unha semana, xeralmente). Estas tarefas non son recuperables, é dicir, se alguén non pode cumprilas no prazo estipulado o profesorado non ten obrigación de repetirllas, salvo causa documentalmente xustificada. Ao longo do curso, durante as clases, o profesorado da materia proporá algúns exercicios. As persoas que participen na avaliación continua e os resolvan poderán ser bonificadas cun máximo de 0,5 puntos. No caso de recibila, esta bonificación sumarase á cualificación final que cada persoa obteña seguindo o método de avaliación continua. Se se superase a nota máxima posible, a nota quedaría truncada en 10. A cualificación obtida nas tarefas avaliables será válida tan só para o curso académico no que se realicen. Se unha persoa optou pola avaliación continua e non aproba a materia recibirá unha cualificación de suspenso, independentemente de que se presente ao exame final ou non. Estudantes que optan por avaliación global ou convocatoria fin de carreira: As persoas que escollan unha destas opcións ofreceráselles a posibilidade de acudir a un exame único. Este exame será cualificado entre 0 e 10 e esta será a nota final que obteñan. Oportunidade extraordinaria Para a oportunidade extraordinaria, dispoñible só para quen non aprobase a materia, cada persoa elixe se desexa realizar o exame completo ou se se lle aplica o procedemento de avaliación continua, descrito anteriormente, mantendo a nota obtida nas tarefas previas. No momento da entrega do exame debe comunicarse ao profesorado a elección realizada. Considérase que a materia está aprobada se a nota final obtida é igual ou superior a 5. En caso de detección de copia en calquera das probas (probas curtas, exames parciais ou exame final), a cualificación final será de SUSPENSO (0) e o feito será comunicado á dirección do Centro para os efectos oportunos. |