A disciplina Lexislación turística constitúe unha materia cuxa responsabilidade docente está atribuída actualmente a tres áreas de coñecemento: Dereito mercantil, Dereito laboral e Dereito financeiro e tributario. Mentres que o Dereito mercantil é unha pola xurídica que ten por obxecto regular a actividade económica constitutiva da empresa, o Dereito laboral é o conxunto de normas e institucións encargadas de regular a relación individual e colectiva de traballo e garantir unha protección mínima ao traballador asalariado e o Dereito tributario é unha disciplina que ten por finalidade o estudo da ordenación xurídica dos tributos.
Acorde con esta formulación, o temario da materia divídese en tres grandes bloques de contidos. O primeiro aborda os aspectos básicos da lexislación e contratación mercantil aplicada ao turismo. O segundo bloque céntrase na ordenación das relacións laborais no sector turístico. Mentres que o terceiro bloque estuda as diferentes figuras tributarias que afectan ás empresas e usuarios de servizos turísticos. Deste modo, proporciónaselle ao alumno unha formación académica especializada e á vez útil para o seu futuro profesional, xa que se analiza dende unha tripla perspectiva xurídica (mercantil, laboral e tributaria) o sector do turismo.