Sesión maxistral |
A metodoloxía que se vai empregar nesta materia ten un carácter eminentemente teórico - práctico. As clases teóricas constitúen o elemento máis importante de transmisión dos coñecementos sobre a disciplina. Por clases teóricas cabe entender aquelas que a docencia se focaliza na exposición dos contidos correspondentes aos distintos temas do programa do curso. O seu obxectivo é proporcionar coñecementos tanto conceptuais como procedementais acerca dos distintos temas tratados e é por iso que, en función da natureza destas, será necesario presentar diferentes tipos de explicación (presentación de definicións, exposición de procedementos, desenvolvemento de técnicas de análises). A metodoloxía predominante será a lección maxistral que se utilizará puntualmente para clarificar os contidos que revistan maior dificultade técnico - metodolóxica para, a continuación, presentar situacións que exemplifiquen o contido do exposto. En xeral, para asegurar a comprensión e dominio da metodoloxía científica farase unha introdución a cada tema, con aclaración da terminoloxía e os conceptos máis importantes, achegando un apoio bibliográfico xeral e específico. De todas as maneiras o tipo de clase teórica vai estar en función dos diferentes bloques do programa, xa que algúns deles van esixir por parte do profesor a elaboración dun material máis esquemático. Como complemento, entregarase unha serie de diagramas que resumen os conceptos fundamentais explicados en cada tema e realizarase unha serie de exercicios prácticos, de forma intercalada, o que confire á exposición un carácter teórico-práctico que forza necesariamente ao alumnado tanto á asimilación como á participación e discusión. Nas exposicións teóricas farase uso do encerado, proxector de transparencias, ordenador e canón. |
Resolución de problemas e/ou exercicios de forma autónoma |
Para resolver problemas e/ou exercicios de forma autónoma, os/as alumnos/as utilizarán a Unidade Didáctica de Estadística Aplicada ás Ciencias Sociais onde atoparán un instrumento indispensable para o seguimento das clases, xa que se inclúen abundantes exemplos dos temas máis relevantes do programa da materia. Os problemas preséntanse sen resolver, cuestión que, en principio, pode ser un inconveniente para os que se inician no estudo desta materia, pero que pronto se converterá en vantaxe, xa que posibilita unha maior participación nas clases prácticas e unha máis frecuente asistencia do alumnado ás titorías, actividade, na nosa opinión, fundamental no proceso docente. |