1. PRIMEIRA EDICIÓN DE ACTAS (Maio-xuño)
Avaliación continua A condición para ser avaliado nesta modalidade será a asistencia a un mínimo do 80% das clases. É obrigatorio realizar e entregar no prazo estabelecido as probas marcadas na avaliación. Os traballos non entregados ou entregados fóra de prazo non se avaliarán. A data límite de entrega de traballos será o 3 de marzo, unha vez concluído o período de traballo autónomo. A cualificación na primeira edición de actas dos alumnos e alumnas que opten pola avaliación continua corresponderá ao cómputo das notas obtidas nas probas realizadas durante o curso. Para superar a materia será necesario obter como mínimo un 4,75 no exame, independentemente de que a suma das notas de todas as probas permita chegar ao 5. Avaliación única Se algunha alumna ou alumno non se pode acoller á avaliación continua por motivos xustificados, deberá comunicalo ao comezo do cuadrimestre. Nese caso, a avaliación poderá realizarse mediante un exame único, baseado nos contidos da materia, no que a nota constituirá o 100% da cualificación final. Este exame terá lugar ao final do cuadrimestre, nunha data que será acordada entre profesor e alumnado con antelación suficiente. En principio, se non hai incompatibilidade para os discentes, a data sería o 28 de abril de 2015. A data desta proba coincidirá na primeira edición das actas coa data na que se realizará o exame para os discentes que opten pola avaliación continua. A escolla desta opción en ningún caso supón a perda do dereito á asistencia. Recoméndase ao alumnado que escolla esta modalidade de avaliación que consulte regularmente os documentos que se irán colgando en Faitic. 2. SEGUNDA EDICIÓN DE ACTAS (xullo) Na segunda edición de actas a avaliación levarase a cabo exclusivamente mediante un exame único, baseado nos contidos da materia. Este exame terá lugar na data oficial de xullo aprobada pola Xunta de Facultade. Os alumnos e alumnas que non acadasen o aprobado na modalidade de avaliación continua e que se presenten nesta oportunidade de xullo deben ter en conta que non se gardarán en ningún caso as notas da exposición oral e do traballo escrito. 3. OUTRAS OBSERVACIÓNS Nos alumnos e alumnas de avaliación continua, no caso de que tras a avaliación conxunta sexan necesarios ata 0,25 puntos para superar a materia, terase en conta a asistencia e participación regular e activa na clase. Os estudantes Erasmus poderán realizar as probas coa axuda dun dicionario. Tanto no exame coma no traballo escrito e no resto dos exercicios propostos ao longo do curso penalizaranse os erros ortográficos, os erros na expresión, as incoherencias sintácticas, etc. con ata 0,5 puntos por cada falta leve e 0,75 puntos por cada falta grave. |