Guia docente 2023_24
Facultade de Belas Artes
Grao en Belas Artes
 Materias
  Proxectos gráficos dixitais
   Metodoloxía docente
Metodoloxías   ::  Guia de metodoloxias docentes
  Descrición
Actividades introdutorias O sistema de proxecto persoal aberto ás necesidades de consecución dos obxectivos propostos pola materia establécese como un método óptimo para desenvolver durante o curso. Libros de artista, instalacións, estampaxe dixital, collage e impresións industriais encontradas: metodoloxías actuais que se inserirán nos ditos medios. O proxecto inicial documentado bibliograficamente será revisado e cualificado durante o primeiro mes do curso ata chegar a unha madurez óptima que permita a súa posta en escena en forma impresa, estampada ou xerada por calquera dos medios e tecnoloxías actuais dixitais/mixtas coas que se elaboran as obras da artes gráfico nos nosos días.
Aprendizaxe baseado en proxectos Presentación do preproxecto. Discusión, revisión e cualificación do proxecto que se desenvolverá durante o cuadrimestre. Pesentación e defensa do proxecto en público usando un modelo de presentación audiovisual ou multimedia. Aprobación e posta en acción do proxectado.
Seminario A titorización en grupo é unha das estratexias e metodoloxías que se contemplan nesta materia como un bo vehículo de guiado e docencia, baseadas na interacción dos alumnos entre si, fomentando a súa capacidade indagadora acompasada coas achegas e suxestións aportadas polo profesorado. A discusión e debate das propostas enriquécese, deste modo, con presentacións simultáneas, o que permite que os procesos de asimilación se realicen de maneira sincrónica co traballo individualizado no seu proxecto persoal. Serve, ademais, de orientación para o profesorado acerca do nivel do grupo de alumnos e da súa homoxeneidade e dispersión de forma comparada. Fomenta a capacidade que desenvolverá o alumnado de elaborar un discurso coherente na presentación das súas ideas e proxectos xerando, á súa vez, sinerxías para compartir información que nutran o grupo enteiro. A titorización en grupo prové de ferramentas docentes fundamentais nos procesos de obtención de seguridade persoal, capacidade de liderado, información compartida, desenvolvemento e motivación para a indagación, vehiculización e toma de decisións nos procesos de aprendizaxe do alumno.
Lección maxistral Forma parte das achegas xeradas interactivamente na aula de formación teórico-práctica que se sitúan no primeiro período de traballo do cuadrimestre. Compóñense de postas en escena de carácter audiovisual nas que o profesor sitúa o alumno no ámbito dos medios empregados na materia de “Proxectos gráficos dixitais”. Así mesmo, mostra obras e propostas, realizadas por artistas gráficos, tanto desde a formulación conceptual como aqueles aspectos de desenvolvemento técnico, ata a súa posprodución e exhibición. Faise unha revisión histórica razoada das artes gráficas baixo un punto de vista creativo, que desembocaron nos novos medios gráficos dixitais, o emprego da infografía e a edición e ilustración dixital destinados a xerar obras de arte e difundir os movementos artísticos actuais, principais eventos, artistas e obras destacadas, tecnoloxías e medios, especificacións e metodoloxías de traballo. As sesións son abertas ás achegas do alumnado. Inclúense, ademais, as incursións realizadas polos alumnos nas súas buscas de información e enriquecemento dos seus proxectos persoais que son expostos e discutidos en grupo e guiados polo profesor.
Prácticas de laboratorio As prácticas no laboratorio de “Técnicas gráficas” englobarán as tarefas formativas dos alumnos ao redor da práctica e utilización das ferramentas, os dispositivos e as estratexias necesarias para a consecución e posta en práctica dos proxectos persoais. Os útiles, a maquinaria de impresión e os métodos de estampaxe e confección de obras de arte impresa polos diferentes medios e maquinaria desde a captación e xeración de orixinais e múltiples ata a súa transformación tanto física como virtual nos medios gráficos electrónicos susceptibles da súa publicidade e difusión. É, ademais, un vehículo de familiarización e de disciplina dun bo uso dos ditos elementos que dota e lle dá profesionalidade ao alumno de cara ao seu traballo en grupo en obradoiros de arte gráfica e entidades dedicados ao labor de creación e difusión infográfica, dotados de medios e maquinarias afíns co labor creativo e difusor da cultura e a arte contemporánea. Ofrece, ademais, o entendemento de todos aqueles detalles construtivos dos que se compoñen os procesos gráficos dixitais que posibilitan a creación, tanto para a impresión e difusión de obras de estampa dixital, como para a presentación de proxectos destinados a seren difundidos polos medios electrónicos nos nosos días.
Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000