As competencias específicas do grao en Educación Primaria defínense na ORDE ECI/3857/2007, de 27 de decembro, na cal se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Mestre en Educación Primaria. Entre estes requisitos faise referencia, no ANEXO (apartado 5), á planificación do ensino, sinalando que o plan de estudos deberá incluír, entre outros, un módulo formativo denominado Prácticum. Na mesma Orde Ministerial indícase que:
“O Prácticum desenvolverase en centros de educación primaria recoñecidos como centros de formación en prácticas mediante convenios entre as Administracións Educativas e as Universidades. Terá carácter presencial e estará tutelado por profesores universitarios e mestres de educación primaria acreditados como titores de prácticas. O Prácticum realizarase nos dous ciclos do ensino de educación primaria”.
Para poder matricularse no Prácticum será requisito imprescindible ter superado o 70% dos créditos de formación básica e obrigatoria correspondente aos tres primeiros cursos.