A asignatura Lexislación Turística constitúe unha materia cuxa responsabilidade docente está atribuída actualmente a tres áreas de coñecemento: Dereito Mercantil, Dereito do traballo e Dereito financeiro e tributario. O Dereito Mercantil estuda a regulación da actividade económica constitutiva da empresa; o Dereito laboral, a relación individual e colectiva de traballo; o Dereito tributario, a ordenación xurídica dos tributos. Por iso, o temario divídese en tres grandes bloques de contidos. O primeiro aborda os aspectos básicos da lexislación e contratación mercantil aplicada ao turismo. O segundo céntrase na ordenación das relacións laborais no sector turístico. O terceiro afronta as diferentes figuras tributarias que afectan ás empresas e usuarios de servizos turísticos. Deste xeito, proporciónase aos estudantes unha formación académica especializada e á vez útil para o seu futuro profesional, xa que se analiza desde unha tripla perspectiva xurídica o sector do turismo.