Materia pertencente ao bloque de "Materias Comúns da Rama Industrial", impartida en todos os Graos de Enxeñaría Industrial.
Esta materia ofrece unha introdución á Enxeñaría Ambiental, disciplina imprescindible para o desenvolvemento de calquera proxecto no ámbito da enxeñaría. Nela intégranse os principios fundamentais das ciencias básicas coa práctica da enxeñería, co fin de deseñar solucións eficaces aos impactos ambientais derivados das actividades humanas.
Abórdanse aspectos clave como a xestión e tratamento de residuos, o tratamento de augas residuais e o control das emisións á atmosfera, incorporando ademais conceptos fundamentais de avaliación de impacto ambiental, sustentabilidade e economía circular. Todo isto cun enfoque aplicado ao sector industrial, acorde co contexto dunha Escola de Enxeñaría Industrial.
O obxectivo principal da materia é que o alumnado coñeza, comprenda e sexa quen de aplicar técnicas e procesos a escala industrial en ámbitos como a xestión e tratamento de residuos, o tratamento de augas residuais, a recuperación de solos e zonas degradadas, así como o control e tratamento das emisións á atmosfera, contribuíndo á prevención da contaminación.
Materia do programa English Friendly. Os/ as estudantes internacionais poderán solicitar ao profesorado: a) materiais e referencias bibliografías para o seguimento da materia en inglés, b) atender as titorías en inglés, c) probas e avaliacións en inglés.