Esta materia, enmarcada dentro dos estudos avanzados en Enxeñaría Biomédica, está orientada á formación dos seus alumnos no campo da intelixencia artificial aplicada á conceptualización, deseño e implementación de sistemas intelixentes de soporte á decisión clínica, entendidos e empregados tanto en produtos sanitarios como en servizos diagnósticos.
Para iso o enfoque docente primará, por unha banda, a comprensión dos conceptos teóricos fundamentais que subxacen nos modelos de intelixencia artificial, tanto os baseados no razoamento simbólico como aqueles baseados en aprendizaxe estatística, e, por outro, a realización práctica destes modelos articulados a través do deseño e a programación dos fluxos de información dos algoritmos correspondentes.
Os contidos abarcarán coñecementos esenciais relativos ao concepto de sistema intelixente profundando no seu significado e variantes o que levará unha exploración metódica das lóxicas inherentes e os principios reitores dos diferentes procesos inferenciais para, posteriormente, ir comentando e desenvolvendo a implementación de sistemas intelixentes a través de diferentes enfoques que cubrirán os procesos inferenciais simbólicos e estatísticos.
Debido á particularidade inherente dos contidos teóricos da materia promoverase unha comprensión gradual e progresiva, apoiada no debate hermenéutico, da interpretación da lóxica proposicional e de primeira orde, do concepto de incerteza e risco, do fundamento inferencial nas técnicas de aprendizaxe, da distinción e aplicabilidade dos diferentes paradigmas de razoamento, do significado dentro da decisión clínica das técnicas preditivas da intelixencia artificial e, con carácter xeral, do deseño conceptual de sistemas intelixentes coherentes, robustos e fiables.
Todo iso encamíñase a adquirir, comprender e aplicar o coñecemento e recursos cognitivos necesarios para desenvolver a capacidade de crear esquemas de sistemas intelixentes que poidan ser recreados en produtos e servizos dentro do sector biomédico con probada capacidade preditiva e preventiva e dotados de capacidade de razoamento e decisión. O alumno desta materia, ao finalizar o curso, deberá demostrar a competencia necesaria, tanto teórica como práctica, para crear un produto ou servizo intelixente que resolva un problema complexo real dentro do campo da enxeñaría biomédica o que implica afrontar unha problemática con multiplicidade de variables de influencia, presenza permanente de incerteza nas súas variantes tradicionais, un risco asociado relevante e, sobre todo, a ausencia dun modelo analítico, experimental ou numérico válido para a súa resolución.
Por último, ademais das competencias e habilidades xa expostas, a materia contemplará formacións transversais en tratamento de datos, fundamentos de programación, recompilación, análise e exposición de resultados clínicos e desenvolvemento de probas de concepto ademais doutros coñecementos implícitos no estudo dos sistemas intelixentes.