Esta materia impártese no primeiro cuadrimestre do segundo curso do grao en Economía e xunto coa materia "Microeconomía II", impartida no segundo cuadrimestre, configura un curso completo de microeconomía intermedia. Estas dúas materias desenvolven máis formalmente os contidos presentados na materia "Economía: Principios de Economía I", co obxectivo de familiarizar ao alumnado co método da análise económica, en particular, co proceso de modelización dos problemas económicos.
O obxectivo concreto é analizar detalladamente o comportamento individual dos axentes económicos e o funcionamento dos mercados nos que interactúan, tanto nun contexto de competencia perfecta (Microeconomía I), como nun contexto de competencia imperfecta (Microeconomía II). A análise realizarase, en primeiro lugar, desde unha perspectiva de equilibrio parcial (Microeconomía I), para logo abordar a análise desde unha perspectiva de equilibrio xeral (Microeconomía II).