Esta materia enmárcase dentro do módulo de Intensificación en Tecnoloxía Naval, e nela perséguese dotar ao alumnado dunha formación básica, tanto teórica como práctica, sobre os principios das comunicacións vía radio.
Ao longo desta materia presentarase a base tecnolóxica sobre a que se apoian os sistemas de telecomunicacións, introducindo os aspectos básicos da propagación das ondas electromagnéticas e a correspondente organización do espazo radioeléctrico. Exporanse así mesmo os aspectos básicos dos mecanismos de funcionamento das antenas. Por último introducirase o funcionamento básico dos sistemas de comunicacións vía radio actuais, facendo fincapé nos máis usados no ámbito naval.