O que se espera que achegue esta materia na formación de docentes xeneralistas de educación primaria é proporcionar a formación básica para que, sen ser especialistas en educación musical, aprendan a usar e a integrar a música nas actividades con seguridade e independencia, e desenvolvan a sensibilidade necesaria relativa á expresión musical e á creación artística. Polo tanto, familiarizarémonos con propostas pedagóxico-musicais para a percepción auditiva e a expresión musical, así como tentaremos mellorar o dominio da lectura e da linguaxe musical, provendo recursos e bases psicopedagóxicas sólidas nas que fundamentar as decisións educativas, alén de completar a propia formación musical. As actividades fundamentais que se farán xirarán arredor da práctica instrumental de cancións sinxelas, do canto e de danzas grupais, así como do xogo musical para o fomento da creatividade e do uso da improvisación. Farase especial fincapé no exercicio da relaxación, da respiración e da fonación, posto que a voz é a ferramenta que todo profesorado debera saber usar con corrección. Evolucionarase da representación non convencional do son á representación convencional da música, deténdonos na educación rítmica e no deseño de propostas didácticas interdisciplinares, alicerzadas no currículo oficial, dirixidas a alumnado de entre 5 e 12 anos de idade.