A materia que se presenta baixo o título de Linguaxes e técnicas artísticas, non se presenta como unha historia da arte no sentido estrito do concepto, se non que, indo máis alá do contido histórico, reúne unha serie de conceptos básicos que o futuro historiador da arte debe coñecer.
O obxectivo fundamental é aproximar ao estudante que se inicia na titulación, á comprensión do fenómeno artístico dende a análise ou lectura formal dos elementos primordiais de expresión que constitúen cada unha das artes. Así obteríanse uns coñecementos que permitirían a reconstrución tan obxectiva como sexa posible de todos aqueles aspectos que contribúan a coñecer e comprender a forma e a función orixinal das obras de arte para, en cursos posteriores, poder ser estudadas en relación coas circunstancias nas que foron realizadas.
Desta forma, a materia organízase como un compendio de contidos orientados a promover a reflexión sobre a natureza e función da obra de arte e sobre as peculiaridades das distintas linguaxes artísticas.
Unha inevitable delimitación de campos científicos determina que a materia se centre na análise das distintas linguaxes tradicionais, dende a arquitectura ás chamadas artes visuais e decorativas.