Guia docente 2024_25
Facultade de Dereito

Presentación

Benvidos/as á Facultade de Dereito da Universidade de Vigo, un centro de educación superior onde preto de cincuenta profesionais e cincocentos estudantes se dedican día a día á docencia, á investigación e ao estudo no ámbito xurídico.

Algúns dos nosos signos de identidade son persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e alumnado altamente cualificado; traballo en grupos reducidos; atención personalizada; apoio de novas tecnoloxías; variada oferta académica; formación xurídica teórica e práctica, exhaustiva e de calidade en todas as ramas do dereito; excelentes perspectivas profesionais para os nosos titulados/as; compromiso coa igualdade de xénero como un dos seus valores centrais; investigación e transferencia de resultados baixo criterios óptimos de excelencia; localización nun cómodo campus urbano perfectamente integrado na cidade de Ourense; e vocación de servizo á sociedade que xustifica a nosa existencia.

As titulacións xurídicas do Grao en Dereito –coas mencións en Dereito xudicial e Dereito da UE e desenvolvemento sostible–, o programa conxunto ADE-Dereito e o Mestrado universitario en Avogacía e Procuraduría, impartido en colaboración co Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense e o Ilustre Colexio da Procuraduría de Ourense, constitúen os piares centrais da nosa oferta formativa. Proporciónanlles aos titulados/as as competencias e as habilidades necesarias para acceder ao emprego público nas distintas administracións, ao emprego privado en postos con formación xurídica altamente cualificados e ao exercicio de profesións xurídicas; ademais de comportarse de xeito ético e con responsabilidade social como profesionais do dereito.

Universidade de Vigo            | Reitoría | Campus Universitario | C.P. 36.310 Vigo (Pontevedra) | España | Tlf: +34 986 812 000