É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades a través da plataforma MOOVI ou do Campus Remoto e estar ao tanto das datas de entrega de traballos, probas etc.
AVALIACIÓN CONTINUA:
A docencia desta materia organízase en 2 grupos teóricos e 3 grupos prácticos. A adscrición a cada grupo presencial determinarao a docente, segundo a combinación lingüística e a orde alfabética, e debe respectarse na medida do posible durante todo o curso.
O alumnado deberá entregar unha ficha de clase nas primeiras semanas do curso para manifestar así a súa decisión de acollerse á avaliación continua. A data límite de entrega de ficha será a primeira semana de outubro de 2023, salvo excepción xustificada ante a docente. Se non o fai nese prazo entenderase que renuncia a ela. En todo caso, para poder acollerse a esta modalidade, tamén é necesario entregar TODAS as tarefas nos prazos indicados. Enténdese que para seguir a avaliación continua é necesario asistir a clase regularmente, en caso contrario, o alumnado que por motivos de traballo ou saúde non poida asistir a todas as clases (presencialmente) deberá comunicarllelo ás profesoras.
Para superar a materia mediante o sistema de avaliación continua, a nota de cada unha das partes deberá ser igual ou superior a 5/10.
AVALIACIÓN ÚNICA:
No caso de non presentarse por avaliación continua, o alumnado deberá presentarse ao exame final de avaliación única e ademais ten que entregar tamén o traballo tutelado (dicionario). A data desa proba será a do exame oficial aprobado pola Xunta de Facultade. Ambas as probas suporán o 100% da materia e terá lugar nas datas que se indiquen oficialmente e que se publicarán tamén na plataforma. O exame constará das seguintes partes: a) Proba teórica tipo test ou resposta curta (30 %) b) Proba práctica (30 %) c) Traballo individual tutelado consistente na elaboración dun dicionario terminográfico (40 %) que se entregará de modo previo á realización do exame na data oficial. É igualmente necesario superar cada unha das partes (probas e dicionario) cun 5/10 para superar a materia.
CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA:
No caso de non superar a materia na primeira convocatoria, o alumnado poderá presentarse ao exame da 2ª convocatoria, que suporá o 100% da nota, salvo indicación en contrario da docente. Esta proba realizarase nas mesmas condicións que a avaliación única (exame teórico e práctico e entrega de dicionario elaborado previamente) e terá lugar na data oficial do Calendario de Exames aprobado en Xunta de Facultade.
Independentemente do sistema de avaliación elixido, quen incorra en plaxio ou copia total ou parcial NON SUPERARÁ a materia ao supoñer un 0 na cualificación do traballo, tarefa ou proba plaxiada. |