A materia Escola Inclusiva e Atención á Diversidade vén constituír unha materia de Formación Básica enmarcada no 2º curso do Plan de Estudos de Formación do Grao de Educación Infantil. Esta materia resulta relevante para a formación do futuro docente dado que nela se analizan e desenvolven tendencias e aportacións actuais que permiten un achegamento aos coñecementos básicos da escola para todos na consideración de distintas situacións de diversidade. Así, a principal aprendizaxe que se pretende suscitar a través desta materia é a relativa á natureza e problemas que afectan á educación cando se enfronta a situacións educativas heteroxéneas en Educación Infantil.
De acordo coa actual situación do sistema educativo precísase duns profesionais cualificados que, ademais de dispoñer dun coñecemento xeral acerca do deseño e planificación do ensino, as características do proceso de ensino-aprendizaxe etc., é necesario que saiban realizar eses deseños de acordo coa diversidade de alumnado que teñen os centros educativos e as correspondentes aulas, tamén é preciso que coñezan as diferentes situacións educativas de nenos/as que presentan dificultades de aprendizaxe e atención co fin de descubrir e dispoñer medios e metodoloxías adecuadas, capaces de ofrecer as mellores posibilidades de educación e inclusión escolar.