Nesta materia, existen dous
sistemas de avaliación: continua e única (o alumnado que se acolla á avaliación única deberá indicalo por correo electrónico á docente durante as dúas primeiras semanas de sesións). Estes son incompatibles e hai que
optar por un ou outro nas primeiras sesións. Para acollerse á avaliación
continua é preciso participar en todas as actividades da materia e realizar as
probas e encargas correspondentes. As metodoloxías descritas na sección
"Avaliación" desta guía docente fan referencia á avaliación continua. A avaliación continua engloba a avaliación formativa na clase (proba
diagnóstica, debate sobre solucións, erros e estratexias de tradución,
corrección de textos) e a avaliación sumativa —isto é, a puntuación para a obtención
da cualificación final— das seguintes probas ou encomendas: 1) Realización non presencial individual dunha tradución, entrega durante a semana de 20 a 26 de febreiro (15%). 2) Encomenda non presencial colectiva dunha tradución, entrega durante a semana de 19 a 23 de marzo (10%). 3) Proba non presencial de tradución, entrega a semana do 23 a 27 de abril (30%). 4) Proba presencial de revisión, corrección e tradución. Non se poderá empregar ordenador nesta proba. Esta proba realízase durante a penúltima sesión de aula (45%). A avaliación única consistirá nun exame presencial que inclúe unha proba de tradución de textos tematicamente vinculados aos revisados durante as sesións (dispoñibles en Faitic) e outra proba teórica sobre os coñecementos relacionados coa tradución profesional de inglés a galego, dispoñibles en Faitic. A data deste exame é a que figura no calendario oficial de exames.
Outros comentarios A avaliación terá en conta non só a pertinencia e calidade do contido das respostas senón tamén a súa corrección lingüística. A copia ou plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo ou exame suporá un cero nesa proba. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá ao alumnado da súa responsabilidade neste aspecto. É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades a través da plataforma Faitic e de estar ao tanto das datas nas que as probas de avaliación teñen lugar. |