Secretaría Uvigo - Invasoras en sinerxía: interaccións insecto-planta entre tres especies introducidas

Invasoras en sinerxía: interaccións insecto-planta entre tres especies introducidas

Data de defensa06/10/2022
TitulaciónGrao en Enxeñaría Forestal
CentroEscola de Enxeñaría Forestal
Dirección Titoría: Adolfo Cordero Rivera
Cotitoría: Iago Sanmartín Villar
Tribunal Presidencia: Juan Picos Martín
Vogalía: José Carlos Souto Otero
Secretaría: María Eugenia López de Silanes Vázquez
ResumoResumo: A plantación masiva do eucalipto (Eucalyptus globulus) en Galicia para a produción de pasta de papel fixo que as especies de insectos asociadas a esta árbore, incluíndo os seus parasitoides e patóxenos, acabasen consolidándose na nosa comunidade. Ademais de reducir o crecemento das plantacións, o cal supón costes económicos, estas especies introducidas modifican as interaccións ecolóxicas nativas. Dende un punto de vista evolutivo, resulta interesante investigar a adaptación das especies introducidas aos novos ambientes, pero tamén como as especies nativas se adaptan ás especies introducidas.
Despois de observar a adaptación das formigas nativas aos eucaliptos, decidimos comprobar o motivo polo que estas frecuentaban esta especie de árbore. Coñecendo a presenza de psílidos (Homoptera) nos eucaliptos e sabendo da existencia da interacción das formigas cos pulgóns, propuxémonos investigar se as formigas interaccionaban cos psílidos introducidos presentes nos eucaliptos. Estudamos oito localidades, catro próximas a presenza humana e outras catro lonxe dela. Estudamos as comunidades de formigas a diferentes distancias da presencia humana asumindo que a colonización de ambientes modificados como os eucaliptais variaría segundo a contorna destes (tamén modificada ao estaren preto da presencia humana ou mellor conservados ao estar lonxe dela) e variaría na presencia de formigas introducidas, as cales soen preferir entornas humanizados aos ambientes mellor conservados. Observamos tanto a presenza de formigas nos eucaliptos como no solo para calcular a súa diversidade, así como a presenza doutras especies asociadas aos eucaliptais que poderían afectar a esta interacción. A interacción formiga-psílido tamén foi estudada baixo condicións controladas (laboratorio) usando tres especies de formigas, dúas nativas (Formica fusca e Lasius platythorax), e outra invasora (Linepithema humile).
Observamos a interacción formiga-psílido no campo. O número de formigas vistas sobre os eucaliptos foi moi baixo e non foron observadas en tódalas localidades estudadas. As especies de formiga observadas sobre eucaliptos foron F. fusca e L. platythorax, especies presentes en todas as localidades estudadas. A diversidade de especies non variou segundo a distancia dos eucaliptais respecto das residencias humanas. Non atopamos L. humile no campo, pero foi a especie que mostrou unha maior atracción sobre os psílidos no laboratorio. Os nosos resultados suxiren que as formigas nativas están a adaptarse a os recursos producidos polos psílidos e sinalan a perigosidade da potencial interacción entre as formigas invasoras e os psílidos introducidos.
Palabras clave: aprendizaxe, colonización, diversidade cultural, diversidade funcional, melada.
Volver