Secretaría Uvigo - AppPVGA: Prevención da violencia de xénero na adolescencia

AppPVGA: Prevención da violencia de xénero na adolescencia

Data de defensa14/09/2022
TitulaciónGrao en Enxeñaría Informática
CentroEscola Superior de Enxeñaría Informática
Dirección Titoría: María Encarnación González Rufino
Cotitoría: José Manuel Sorribes Fernández
Tribunal Titoría: María Encarnación González Rufino
ResumoAs novas tecnoloxías cobraron gran importancia, sobre todo no espectacular desenvolvemento das redes interpersoais (Facebook, WhatsApp, YouTube,...). Cómpre sinalar que, en España, preto do 95% dos adolescentes usa Internet a diario. Este cambio pode facilitar as relacións sociais ou de parella, pero tamén aumentar os riscos nestas.

Segundo Díaz-Aguado, Martínez Arias, Martín Babarro e Falcón, no informe "A situación da violencia contra as mulleres na adolescencia en España" (2020) constátase un importante incremento da taxa de violencia de xénero na adolescencia debido ao mal uso -explican estas expertas- das novas tecnoloxías da información e da comunicación, sumado á falta de cautela dos proxenitores no uso seguro das redes por parte dos seus fillos.

Esta "desprotección" da adolescencia prodúcese nos hogares, pero tamén na escola onde o ciberacoso ou o sexting aumentaron. En concreto, a imaxe dos centros educativos como lugares violentos tivo nos últimos anos unha notable aceleración con tráxicos resultados, nalgunhas ocasións.

Seguindo co informe citado anteriormente (Díaz-Aguado, Martínez Arias, Martín Babarro e Falcón, 2020), a ciberviolencia de xénero é outro foco importante da ciberdelincuencia e constitúe un importante incremento da violencia de xénero entre adolescentes (por exemplo, a violencia de control).

Por todo o exposto, é urxente e necesario, neste contexto, sensibilizar, concienciar e previr de forma efectiva aos e as adolescentes no uso seguro das redes sociais, en concreto, en relación á violencia de xénero (en xeral) e ante fenómenos como como o sexting ou o grooming, en particular.

O principal obxectivo deste TFG é a creación dun xogo educativo desenvolvido a través dunha aplicación móbil (AppPVGA), coa intención de incrementar a prevención da violencia de xénero na adolescencia. Nela abordaríanse conceptos como o uso seguro das redes sociais nas interrelacións afectivo-sexuais; os mitos do amor romántico; e a prevención do sexting e grooming.

A metodoloxía de traballo que se aplicará durante o desenvolvemento desta ferramenta será Scrum, xa que utiliza un enfoque iterativo e incremental para optimizar o tempo, reducir riscos e ofrecer resultados de calidade canto antes. Estas propiedades fan idónea a aplicación desta metodoloxía, xa que encaixa na natureza do traballo a realizar.

A aplicación implementarase mediante a linguaxe de programación JAVA que permite a programación orientada a obxectos e tamén responde aos eventos provocados polos clics que fai o usuario ao utilizar o xogo educativo. O entorno de desenvolvemento integrado que se utilizará nas fases de implementación e depuración será Android Studio.

Volver