Secretaría Uvigo - Efecto dos arribazóns no ecosistema de tres praias da Ría de Vigo

Efecto dos arribazóns no ecosistema de tres praias da Ría de Vigo

Data de defensa14/09/2022
TitulaciónGrao en Ciencias do Mar
CentroFacultade de Ciencias do Mar
Dirección Titoría: Mariano Lastra Valdor
Cotitoría: Jesús López Pérez
Tribunal Presidencia: José María Sánchez Fernández
Vogalía: María Elsa Vázquez Otero
Secretaría: Inmaculada Prieto Jiménez
ResumoAs praias areosas son ecosistemas cunha produción primaria moi reducida que dependen case totalmente dos aportes alóctonos. Os subsidios poden proceder de distintas fontes e unha das mais importantes é o arribazón, composto por macroalgas e fanerógamas mariñas. Unha achega elevada de macrófitos relacionase cunha maior riqueza específica, diversidade e abundancia da comunidade de macrofauna. Tamén cunha maior concentración de nutrientes inorgánicos na totalidade do perfil da praia, así como nas augas costeiras. Este traballo ten como obxectivo valorar a importancia ecolóxica dos arribazóns en tres areais da Ría de Vigo, Galicia, NO de España. En cada praia cuantificouse a cobertura de macrófitos, as características da comunidade de macrofauna e o contido en nutrientes inorgánicos (NO2-, NO3-, NH4, PO43-) da auga intersticial, de rompente e do sedimento. Para analizar as diferenzas estatísticas entre praias e compartimentos empregáronse probas de análise de varianza (ANOVA de 1-2 vías, ANOVA robusto de 1 vía). A relación entre o arribazón e as características da comunidade así como a concentración de nutrientes determinouse mediante análise de regresión lineal polo método de mínimos cadrados (OLS). A conexión co medio oceánico tamén se analizou empregando OLS, relacionando a concentración de nutrientes inorgánicos na auga intersticial e de rompente.

Os resultados deste estudo contradín o coñecemento actual sobre o papel dos arribazóns nos ecosistemas costeiros. A cobertura presenta unha relación negativa coa concentración de nutrientes e a riqueza específica da comunidade de macrofauna. Probabelmente a razón disto atópase no carácter puntual da mostraxe: a abundancia do arribazón é altamente variable no tempo polo que os valores medidos no presente traballo poden ser significativamente distintos das medias anuais. Porén, o contido en nutrientes inorgánicos pode ser un indicador mais fiable da cantidade de macrófitos que chegan a costa ao longo do ano. Neste estudo, empregouse a concentración de nitróxeno inorgánico total (NIT) no sedimento para estimar a cobertura media anual en cada praia. Si que se atopou una relación positiva entre dito parámetro e a riqueza específica das comunidades. Aínda así, os resultados non son concluíntes porque se basean nunha estimación da cobertura media. Atopáronse algúns indicios de conexión co medio oceánico, pero non son demasiado fortes. Para poder establecer unhas conclusións mais sólidas deberíase levar a cabo un estudo de maior duración, polo menos dun ano para así poder capturar a variación estacional da cobertura de macrófitos e a súa relación co resto de factores. Aínda que non era un dos obxectivos deste proxecto, encontráronse evidencias claras do efecto prexudicial da presión antrópica, especialmente da limpeza mecánica, na estrutura e composición da comunidade de macrofauna.

Palabras clave: praias areosas; macrófitos; subsidios; macrofauna bentónica; nutrientes inorgánicos; conectividade costeira; limpeza mecánica.
Volver