Secretaría Uvigo - Análise experimental de depósitos de feluxe sometidos a tratamentos en atmosferas de ozono

Análise experimental de depósitos de feluxe sometidos a tratamentos en atmosferas de ozono

Data de defensa14/09/2022
TitulaciónGrao en Enxeñaría Mecánica
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: Jesús Vence Fernández
Cotitoría: Adrián Cabarcos Rey
Tribunal Presidencia: Estrella Álvarez da Costa
Vogalía: Begoña González de Prado
Secretaría: Gloria María Pena Uris
ResumoOs depósitos de feluxe que se xeran na combustión son un problema para os sistemas EGR, encargados de reducir as emisións de NOx nos motores Diesel. En concreto, o principal problema atópase no EGR-cooler, xa que a aparición destes depósitos dificulta o paso do fluxo de calor e reduce a súa eficiencia. Aínda que a situación mundial actual prevé que os motores eléctricos se impoñan nos vehículos de estrada nun futuro próximo, é preciso estudar este fenómeno xa que en outros ámbitos, coma pode ser a maquinaria pesada ou o transporte naval, os motores de combustión seguiranse empregando máis tempo.
Neste proxecto analízase a posibilidade de limpar eses condutos mediante o uso de ozono, un axente oxidante, de forma que diminúa o efecto de ensuciamento das paredes por feluxe (fouling). Mediante unha análise experimental, trátase de ver como afectan as distintas atmosferas de ozono aos depósitos de feluxe.
Para a realización deste proxecto emprégase un banco de ensaios para obter as atmosferas ozonizadas e os depósitos de feluxe obtidos dun xerador que simula as partículas de feluxe obtidas nunha combustión dun motor de combustión interna.
En primeiro lugar, realízanse unha serie de ensaios de estabilización do ozono, coa idea de caracterizar os distintos puntos de concentración, caudal e temperatura que se empregan nos ensaios cos depósitos de feluxe.
En segundo lugar, realízanse os ensaios cos depósitos de feluxe en distintas atmosferas de ozono, variando a temperatura, o caudal, a concentración, con distintos tempos de duración de ensaio. Mídese a variación de masa e de espesor no proceso de ozonización. Para a análise de masa emprégase unha báscula e para o de espesores realízanse medicións con perfilometría óptica confocal, cun posterior procesado de datos. Mediante a análise dos resultados, trátase de buscar unha relación na variación de masa e de espesor coas distintas atmosferas ensaiadas.
Volver