Secretaría Uvigo - Proxecto de urbanización do Plan Especial de Reforma Interior do Polígono de Execución Integral Nº9 do PXOM de Sanxenxo (Pontevedra).

Proxecto de urbanización do Plan Especial de Reforma Interior do Polígono de Execución Integral Nº9 do PXOM de Sanxenxo (Pontevedra).

Data de defensa15/09/2022
TitulaciónMáster Universitario en Enxeñaría Industrial
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: Francisco Javier De la Puente Crespo
Tribunal Presidencia: Antonio Riveiro Rodríguez
Vogalía: Rafael Comesaña Piñeiro
Vogalía: José Antonio Sueiro Domínguez
Secretaría: Manuel Cabaleiro Núñez
ResumoO presente proxecto desenvolve as obras de urbanización correspondentes ao Plan Especial de Reforma Interior do ámbito do Polígono de Execución Industrial Nº9 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sanxenxo (Pontevedra), cuxa extensión aproximada é de 16.880 metros cadrados. Mediante a consecución das obras de urbanización preténdese a modificación do chan urbano non consolidado en chan urbanizado, por medio da ordenación pormenorizada conforme á lexislación urbanística vixente para o PEI-9 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sanxenxo (Pontevedra).
Por tal motivo e a partir dos datos do ámbito pertencente ao PERI do PEI-9, son definidas zonas con diferentes necesidades debido á súa natureza e lexislación, as cales, para a obtención do carácter de chan urbanizado, deben posuír as infraestruturas e equipamentos locais necesarios como indica a lexislación actual. Estas infraestruturas e equipamentos están conformados principalmente pola rede abastecemento de auga potable, rede de drenaxe de pluviais, rede de saneamento de augas residuais, rede de enerxía eléctrica, rede de telecomunicacións e iluminación pública do viario.
Para realizar isto, comézase por unha análise das infraestruturas, equipamentos locais e trazados existentes, así como obtención da información das súas principais características mediante a consulta dos diferentes organismos competentes. A continuación, realízase unha análise pormenorizada das necesidades urbanísticas proxectadas e necesarias para a ordenación presentada no PERI. Estas necesidades urbanísticas son obtidas a través da estimación de demandas futuras das edificacións do ámbito coa axuda das diferentes normas, instrucións técnicas e a lexislación vixente correspondente.
Unha vez obtidas as demandas ou necesidades urbanísticas do proxecto, realizarase un deseño de todas as infraestruturas necesarias, fixando tanto novos trazados, cambios ou conexións en redes existentes; así como a determinación de materiais necesarios e o correspondente dimensionado dos mesmos previndo mesmo posibles futuras ampliacións. Para iso, realizaranse anexos de cálculo, onde se explicarán as metodoloxías empregadas en cada caso. Ao mesmo tempo proxectaranse os planos correspondentes ás diferentes infraestruturas, e incluiranse os detalles necesarios para a completa definición da obra urbanística.
Con relación á fase de proxectado, caberá realizar especial fincapé nas diferentes problemáticas detectadas nas distintas fases e partes do proxecto, que precisan de solucións que engloben todas as partes do mesmo. Principalmente en canto ás conexións, cruzamentos ou paralelismos coas diferentes redes de servizos futuras e existentes, xa que presentan un maior grao de dificultade no presente proxecto debido á localización de leste.
Por último, incluirase unha valoración económica da obra para realizar, que contén os importes dos custos materiais e de execución das diferentes infraestruturas proxectadas.
Volver