Secretaría Uvigo - O bilingüismo na Galiza actual: unha ollada desde a lingüística política

O bilingüismo na Galiza actual: unha ollada desde a lingüística política

Data de defensa16/11/2021
TitulaciónMáster Universitario en Lingüística Aplicada
CentroFacultade de Filoloxía e Tradución
Dirección Titoría: Fernando Ramallo Fernández
Tribunal Secretaría: Alexandre Rodríguez Guerra
Presidencia: María del Carmen Cabeza Pereiro
Vogalía: Susana Rodríguez Barcia
ResumoA dimensión política das linguas e dos usos lingüísticos é, probabelmente, un dos ámbitos de investigación de maior pertinencia para chegar a comprender os procesos ideolóxicos, sociais e políticos que se establecen hogano no mundo exposto ao poder hexemónico neoliberal. Esa tarefa é aínda máis pertinente e crucial naqueles territorios xeográficos nos que a coexistencia de dúas ou máis linguas serve de campo de intervención para ese poder xa que o multilingüismo resulta actualmente un medio propicio para fornecer mecanismos de dominio que deveñen en desigualdades sociais e, ás veces, en conflitos.
O estudo da dimensión política permite comprender aquelas estratexias dominadoras, mais tamén permite desartellalas, promover resistencias e, quizabes, erradicalas. Neste punto de reflexión epistemolóxica atópase a incipiente perspectiva da lingüística política, que se defende ao longo deste Traballo de Fin de Mestrado. Un traballo que se centra no contexto sociolingüístico particular dos territorios galegofalantes durante os últimos cincuenta anos. O seu obxectivo principal é estudar as relacións de produción de significado(s) e sentido(s) da palabra chave «bilingüismo».
Para esta fin, empregamos unha metodoloxía de triangulación cualitativa co gallo de ampliar a nosa focaxe e achar diferenzas significativas entre: as construcións de significado e de sentido de «bilingüismo» por parte do campo científico; as construcións de significado e de sentido de «bilingüismo» por parte dos partidos políticos; a recepción e a (re)produción de significado e de sentido de «bilingüismo» por parte da sociedade galega contemporánea.
Na primeira parte do texto presentamos o estado de cousas e os obxectivos. Na segunda parte explicamos os fundamentos teóricos. As tres estratexias metodolóxicas que usamos, respectivamente, para cada unha das fontes de datos amósanse na terceira parte. Na seguinte, realizamos a análise dos datos que nos achegaron as devanditas fontes para terminar, na quinta parte, cunhas nosas conclusións e propostas.


PALABRAS CLAVE: bilingüismo, significantes flotantes, significantes baleiros, palabras chave, lingua galega, lingüística política, triangulación complexa cualitativa.
Volver