Secretaría Uvigo - Modelo de xerarquización das necesidades do cliente dentro do proceso de deseño e desenvolvemento dun novo produto baseado en conxuntos difusos intuicionistas.

Modelo de xerarquización das necesidades do cliente dentro do proceso de deseño e desenvolvemento dun novo produto baseado en conxuntos difusos intuicionistas.

Data de defensa18/11/2020
TitulaciónGrao en Enxeñaría Mecánica
CentroEscola de Enxeñaría Industrial
Dirección Titoría: Alberto Comesaña Campos
Tribunal Presidencia: Begoña Urgal González
Vogalía: José Luis González Cespón
Secretaría: Antonio García Lorenzo
ResumoO proceso de deseño e desenvolvemento dun novo produto ten lugar, segundo os enfoques máis recorrentes, ao longo de diferentes etapas e, formalmente, busca satisfacer as necesidades dos clientes potenciais. Neste sentido, a etapa de identificación das necesidades do cliente é unha parte integral do proceso de deseño e é crucial na posterior definición e desenvolvemento dos requirimentos técnicos, os cales deben ser implementados no produto na posterior etapa de xeración de conceptos ou alternativas de deseño. Do mesmo xeito, non só hai que identificar e listar as necesidades, senón que ademais estas deben ser xerarquizadas e ponderadas segundo a importancia relativa que os usuarios asignen a cada unha delas. Despois diso avanzaríase desde este conxunto de etapas de deseño conceptual ata as futuras etapas de selección de conceptos e deseño.
Debido á crecente necesidade de acurtar os tempos de desenvolvemento de novos produtos e garantir un lanzamento ao mercado con éxito, a rendibilidade dun produto dependerá, en boa medida, da precisión e fiabilidade coa que se definan os requirimentos técnicos nas etapas previas e que se deben implementar en xeración de conceptos. Adóitase aceptar que máis do 70% da calidade e o custo final do produto están asociados a estas primeiras etapas de deseño conceptual. Así pois a optimización e confiabilidade das propostas e decisións destas etapas é un obxectivo prioritario nos procesos de deseño e, dentro delas, mellorar a fiabilidade das xerarquizacións de necesidades é un campo de estudo de enorme interese e aplicabilidade.
Neste traballo, e en resposta ás melloras mencionadas anteriormente, proponse un modelo que permite xestionar e controlar a xerarquización de necesidades do clientes a través da elaboración dunha estrutura xerárquica fiable e robusta, que non se vexa afectada pola incerteza inherente á súa propia definición.
Empregando unha xeneralización dos conxuntos difusos clásicos, coñecido como conxunto difuso intuicionista, é posible atopar agregadores que son capaces de optimizar o proceso de xerarquización cando as necesidades do cliente se interpretan como valores difusos intuicionistas. Isto non só permitirá caracterizar a influencia dos distintos tipos de incertezas, senón que tamén reducirá a presenza de argumentos pouco fiables na xerarquización final, evitando tamén, que as decisións anteriores e os factores implicados sexan reinterpretados ao longo da agregación.
Coa aplicación deste novo modelo, espérase optimizar a transición entre necesidades do clientes e requirimentos técnicos. Do mesmo xeito, combinada con outros enfoques e enmarcada dentro de sistemas de apoio á decisión estímase que o modelo contribuía á redución de erros no proceso de deseño, á súa redución de tempo e custos e á consecución de produtos altamente fiables.
Volver