Secretaría Uvigo

Non haberá illa, pro hai o nome. Homenaxe a Antón Palacio

portada
CategoríaHomenaxes
ISBN/ISSN978-84-8158-818-7
Número de serie11
Formato17 x 24 cm
Ano de edición2019
Número páxinas464
Prezo15.00 €
Autores Xose A. Fernández Salgado,
Aquilino Santiago Alonso Núñez
DescriciónEste volume reúne vinte e sete contribucións en homenaxe ó profesor Antón Palacio, experto en onomástica, meticuloso tradutor, fino corrector de estilo e abnegado docente, primeiro na Universidade de Santiago de Compostela e logo na de Vigo. Os estudos organízanse en tres seccións segundo os temas tratados: sete estudos lingüísticos, nove literarios e outros tantos de onomástica, principalmente co galego e Galicia de fondo; precédenos dous relatos sobre a biobibliografía do homenaxeado.
Entre os lingüísticos, pódense atopar traballos de gramática sobre os numerais e indefinidos, de edición de textos galegos dos Séculos escuros, tamén da presenza do verbo dicir en textos desta mesma época, de didáctica da oralidade na clases de lingua galega, do tratamento dos marcadores discursivos na lexicografía galega, de funcións semánticas e mesmo unha reflexión sobre a reforma ortográfica en español.
Os literarios ofrecen análises do epistolario de Virxinia Pereira, dos termos rexurdimento e romanticismo na historiografía literaria galega, da sátira barroca e neoclásica en Portugal, da presenza da alimentación nos contos tradicionais galegos e das relacións de Galdós e Portugal. Pero o lector vai encontrar tamén unha compilación bibliográfica sobre Avelino Díaz e lecturas críticas de textos de Carlos Casares, do portugués Mario de Sá-Carneiro e da tradución ó portugués da poesía de José Angel Valente.
Xa na sección de onomástica, os traballos abordan estudos concretos de topónimos galegos, do seu tratamento na Galicia exterior, da transliteración do árabe ó galego, da importancia da súa correcta interpretación na lectura de cantigas medievais así coma cuestións referidas ós apelidos foráneos en Galicia, ós pseudónimos de Xesús Alonso Montero e á edición dun caderno manuscrito de toponimia do século XVIII.
Estes estudos van asinados maioritariamente por membros do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo; participan tamén membros da Facultade de Filoloxía e Tradución desta Universidade, do Instituto da Lingua Galega, da Real Academia Galega e da Asociación Galega de Onomástica.
Documentos
Atrás