Como é?

Consta de dous ciclos.

  • Ciclo Intensivo. É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, e favorecendo un estilo de vida activo e saudable.

 O estudantado poderase matricular dun mínimo de 9 créditos ECTS por curso académico e dun máximo de 18, agás no caso de que queden por superar menos de 9 créditos para rematar o ciclo. Neste caso, o estudantado deberase matricular de todos os créditos restantes nunha única vez.

Unha vez superados os 54 créditos ECTS dos que se compón o ciclo intensivo, outorgarase a correspondente acreditación mediante un título propio de «universitario/a sénior»

  • Ciclo Integrado. Ten como obxectivo fundamental o fortalecemento das relacións interxeracionais. Este ciclo permítelle ao alumnado cursar materias pertencentes a diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo.

 Diferénciase do Ciclo Intensivo en que estes estudos levaranse a cabo xunto co estudantado das correspondentes titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, nas mesmas aulas e horarios, e en igualdade de circunstancias,  salvo que non existe a obriga de participar nos procesos de avaliación do estudantado xeral de grao.

O alumnado poderase matricular nun máximo de 18 créditos ECTS cada curso académico. Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de «universitario/a superior sénior». No caso de que o alumno/a supere un mínimo de 24 créditos dun mesmo ámbito de coñecemento, engadiráselle ao título obtido o recoñecemento como experto/a no ámbito correspondente.