Ciclo Intensivo: Quen?

O programa dependerá da vicerreitoría con competencias en extensión universitaria. En cada campus haberá un coordinador ou coordinadora de campus. Ademais, existirá unha coordinación xeral do programa que poderá exercela o vicerreitor ou vicerreitora competente, a persoa en quen delegue, ou de forma rotatoria as persoas responsables da coordinación nos campus.

A persoa encargada da coordinación xeral do programa será a responsable, en colaboración coas persoas responsables da coordinación de campus, da elaboración dos programas de estudos e da asignación do profesorado a materias, e da elaboración dos horarios e calendarios de actividades e probas de avaliación.

Correspóndelle ao Servizo de Extensión Universitaria a organización e a xestión administrativa do Programa para maiores.

A responsabilidade da docencia do ciclo intensivo correspóndelle ao profesorado universitario. Non obstante, poderase convidar outros profesores e profesoras, profesionais ou expertos/as que polos seus coñecementos e méritos poidan ser de utilidade para a formación das persoas acollidas no programa.

Sempre que os recursos humanos dispoñibles o permitan, como mínimo o 50 % dos créditos deberanos impartir profesorado da Universidade de Vigo con dedicación a tempo completo.

Por cada materia, a dedicación do profesorado será de dúas horas semanais de docencia presencial e unha de titoría aos alumnos/as ao longo do cuadrimestre no que se imparta. Por cada taller ou actividade complementaria a dedicación será dunha hora semanal de docencia presencial e trinta minutos de titoría ao alumnado ao longo do cuadrimestre no que se imparta.

O/A docente responsable de cada materia deberá elaborar unha guía docente desta, en coordinación coa dirección do ciclo intensivo no campus correspondente. O profesorado será tamén responsable do control de asistencia, da avaliación da materia de acordo co indicado na guía docente, e da publicación das cualificacións acadadas polo alumnado.

Na configuración do programa de estudos, tratarase de que haxa variedade de docentes e contidos para que o citado programa sexa o máis participativo posible.