Ciclo Intensivo: Como é ?

O ciclo intensivo terá unha carga académica de 54 créditos ECTS, distribuídos en materias de 3 créditos ECTS e en actividades complementarias de 1,5 créditos ECTS. O estudantado poderá cursar un máximo de 18 créditos por curso académico, distribuídos en dous cuadrimestres dun máximo de 9 créditos cada un deles.

As materias estarán encamiñadas á divulgación de diferentes temas científico-culturais, facilitando a análise e a reflexión sobre aspectos relacionados con eles mesmos e outras persoas; o contorno natural, social, cultural e científico; a evolución e as achegas da humanidade; e a sociedade e a cultura actual e futura. Tamén terán como obxectivo, no seu conxunto, iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado.

As actividades complementarias, cunha carga académica de 1,5 créditos ECTS, correspondentes a 45 horas de dedicación efectiva total do/a estudante, están orientadas a afondar nalgúns temas concretos das ensinanzas; a proporcionar formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros; a facilitar as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais; e a promover o acceso a actividades culturais e recreativas.

Por outra banda, o alumnado poderá validar ata un máximo de 1,5 créditos ECTS por curso académico por participar en actividades obxecto de recoñecemento recollidas no regulamento aprobado no consello de goberno do 12 de febreiro de 2014, sempre que se desenvolvan durante o período de estudos do ciclo intensivo. Cada trinta horas de dedicación total do alumnado a estas actividades computará como 1 crédito ECTS.

En ningún caso os créditos cursados no ciclo integrado poderán computarse ou validarse como créditos do ciclo intensivo.