Secretaría Uvigo

Recomendacións ao profesorado sobre os cuestionarios síncronos (IMPORTANTE CONSULTAR)

A primeira recomendación sería que, sempre que sexa posible, empregues métodos de avaliación continua diferentes ás probas síncronas.

Os cuestionarios síncronos (todo o estudantado á mesma hora para facer a proba) poden supor un estrés considerable a calquera sistema, polo que se recomenda espaciar tanto o inicio coma a finalización do mesmo. Na medida en que poidas, e sobre todo en probas con moito alumnado, deixa marxe de tempo para facer unha entrada escalonada no sistema.

Haberá que ter en conta tamén que estas probas poden ser difíciles de controlar desde o punto de vista técnico (problemas de conectividade, incidencias técnicas do estudantado na súa casa etc.). Podes ter prevista unha proba de avaliación alternativa para o alumnado que teña algunha incidencia que lle impida rematar o cuestionario. 

Recomendacións para as probas en Moodle:

  • Cando teñas unha proba en Moodle con moitos estudantes, é recomendable dividir ao alumnado en grupos de xeito que o inicio e fin da proba para cada grupo estea escalonado 5-10 minutos (p.ex. o primeiro grupo comeza ás 9:00, o segundo ás 9:10, o terceiro ás 9:20h).
  • Tenta calcular o tempo de realización da proba de forma que o estudantado dispoña de tempo suficiente para contestar ás preguntas e con marxe para que o alumnado que poida ter unha conexión a internet máis lenta poida envialo dentro do tempo límite.
  • É moi importante comunicar ao alumnado previamente (a través dun correo, aviso etc.) e na descrición do cuestionario, toda a información necesaria sobre as probas: data e hora de inicio, cantos intentos teñen, cantas preguntas van ser, de que tipo, canto tempo van ter para respondelas, se existe penalización por contestar respostas erróneas, se van poder navegar cara adiante e atrás na proba ou se só van poder avanzar cara adiante e non van ter ocasión de revisar o que xa fixeron. Todo isto é moi importante que o saiban de antemán. 
  • Se ademais tes abertos 2 espazos (en Moodle e Claroline) para a túa materia, comunica ao teu alumnado para que e cando vas empregar cada un deles.
  • Avisa ao teu alumnado que cando finalice a proba en Moodle, e antes de que transcorra o tempo límite, ten que darlle ao botón "enviar todo e terminar" (esta información podes incluíla na descrición do cuestionario).
  • Ao igual que nun exame presencial o alumnado pode modificar as súas respostas, é recomendable que nos cuestionarios en Moodle se configuren con navegación libre, en vez de secuencial, para que o alumnado poida volver atrás e revisar as preguntas antes da entrega da proba.
  • Nas preguntas de opción múltiple, cando un alumno/a marca unha resposta despois non pode deixala en branco, só pode modificala por outra opción. Isto debería sabelo o alumnado para que antes de responder se aseguren ou a deixen en branco. Outra opción é incluír unha opción de resposta que sexa do tipo NS/NC, axustando as puntuacións.
  • Nas opcións de revisión do intento, se non queres que poidan revisalo ata que finalice a proba, configura o cuestionario para que oculte as respostas correctas, retroalimentación etc.
  • En Moodle, pódese configurar para que o envío das respostas sexa automático, de forma que as respostas se envían aínda que o estudante non lle dea ao botón de enviar todo e terminar. 
  • O ideal é que crees un banco de preguntas amplo para o teu cuestionario e que desas preguntas escolla x aleatorias. Cando máis amplo sexa o banco de preguntas menos opción de que as preguntas se repitan. 
  • Se vas crear un cuestionario coas mesmas preguntas, podes configuralo para que as preguntas as ordenen ao azar e así evitar que aparezan todas na mesma orde.
  • Se dispós de tempo, é recomendable realizar unha proba previa (aínda que sexa con poucas preguntas) co alumnado coas mesmas características de configuración que a proba final, para que poidan ver o funcionamento e comprobar que o acceso lles funciona.

Atrás