Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Rutas culturais 2º cuadrimestre

Deporte e benestar

13-01-2023 ata: 13-05-2023

O ano 2023 xa está en marcha e un cuadrimestre máis volve a programación de rutas culturais da Universidade de Vigo organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte. Desde o 21 de xaneiro e ata o 13 de maio, desenvolveranse sete rutas pola xeografía galega e portuguesa abertos á participación da comunidade universitaria pero tamén da cidadanía en xeral.

Trátase das rutas culturais máis viaxeiras e máis internacionais. Non son só é camiñar, senón tamén cultura e patrimonio. Na selección de percorridos tívose en conta as suxestións feitas polos usuarios e usuarias deste servizo, apostando por propostas atractivas pero tamén asequibles por distancia xeográfica dos tres campus da UVigo e por extensión (entre 15 e 18 quilómetros) e dificultade.

A programación arrancará o 21 de xaneiro cunha ruta por Catoira (Pontevedra) para coñecer o seu patrimonio natural e histórico e facer “unha incursión nas lendas das Torres do Oeste, chave e selo de Galicia”. A actividade continuará o día 4 de febreiro cunha andaina por Pitoes das Júnias, na Reserva da Biosfera Gerês-Xurés (Portugal), para coñecer os valores naturais e culturais dun territorio que non entende de fronteiras. A terceira parada deste cuadrimestre será no Courel, concretamente en Vilamor-Froxán (Lugo), o día 25 de febreiro, e a cuarta achegará ás e aos participantes a Vilar de Barrio (Ourense), o día 18 de marzo, onde coñecerán o mellor miradoiro para comprender as dimensións da extinta Lagoa de Antela e o Monte do Castelo, un xacemento arqueolóxico único en Galicia que supera as 15 hectáreas de extensión e os 2000 anos de antigüidade.

O 15 de abril a programación continuará cunha peregrinación a Santo André de Teixido (A Coruña) que tomará como referencia a realizada en 1927 por Ben-Cho-Sey, Vicente Risco e Otero Pedrayo desde Ourense. Xa o día 29 de abril, as e os usuarios das rutas culturais volverán á Costa da Morte para facer outro dos tramos do Camiño dos Faros (A Coruña), concretamente o que descorre entre Muxía e Touriñán. Por último e para pechar a actividade do curso 2022/2023, as rutas regresarán aos Passadiços do Paiva, en Arouca (Portugal), o 13 de maio, para percorrer as súas pasarelas. 

As inscricións están abertas de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta no Campus Activo da UVigo. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á súa celebración permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de cada ruta oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas.