Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Información COVID-19 ao alumnado sobre inicio do curso

Información xeral

03-09-2020

Prezado alumnado:

Quero agradecervos a confianza que depositáchedes na Universidade de Vigo para que sexamos a institución que vos forme e guíe nesta importante etapa académica. Nun momento histórico repleto de incertezas, a formación superior pasa a un lugar prioritario, pois sodes vós os que deberedes proporcionar as solucións teóricas e técnicas para o mundo que está por vir. Pero esta situación que ofrece oportunidades de cambio tamén impón o cumprimento dunha serie de normas sanitarias e cívicas que deben ser coñecidas e respectadas para convivir nos diferentes centros da Universidade de Vigo de xeito responsable e seguro.

Tede moi presentes estas normas (incluídas neste correo e recollidas tamén na web da UVigo), así como as indicacións que vos proporcionen nas vosas escolas e facultades, xa que deste modo o curso 20/21 poderá desenvolverse garantindo todos os requirimentos de seguridade sanitaria.

Moito ánimo e ilusión neste inicio de curso, seguro que moitas experiencias académicas e sociais están por chegar!

Natalia Caparrini

Vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria

Medidas de actuación ao comezo do curso

  1. Medida de autoprotección: non acudas ao centro se tes algún síntoma asociado coa covid-19 (tose, febre, dificultade para respirar, perda de olfacto e/ou do gusto, diarrea, dor de gorxa, dor muscular, dor de peito ou cansazo xeneralizado). Esta medida aplicarase ao longo de todo o curso académico.
  2. Terás que vir coa máscara.
  3. Na conserxaría do teu centro recibirás (unha soa vez) unha máscara lavable reutilizable co logo da Universidade de Vigo, que poderá utilizarse coas medidas de hixiene correctas.
  4. Recoméndase realizar un par de cursos:
    • O primeiro para coñecer o funcionamento do noso sistema de videoconferencia, no cal se impartirán clases síncronas (nalgunhas titulacións rotarás entre a presencialidade e o seguimento a distancia desas clases utilizando a ferramenta denominada Campus Integra; noutras terás clases en liña combinadas con actividades presenciais).
    • O segundo curso é para que entendas o funcionamento básico de Faitic, a nosa plataforma de teledocencia.
  5. Solicitámosvos que saibades,  antes de iniciar o curso, cal é o teu médico/a e o teu centro sanitario.
  6. Recoméndase adicionalmente a lectura do Protocolo de actuación ante a aparición dun caso sospeitoso de covid-19 na Universidade de Vigo que se manterá actualizado permanentemente.

Medidas de actuación no centro

  1. Antes de acudir ao centro, consulta na páxina web da Universidade o na web de teu centro se tes que asistir presencialmente ou conectarte desde o Campus Remoto. Nalgunhas titulacións toda a docencia será presencial; noutras existirán actividades presenciais e noutras docencia mixta.
  2. No centro segue as indicacións que aparecerán nos carteis fixos e nas pantallas de televisión normalmente situadas na entrada.
  3. Terás que vir con máscara, limpar as mans ao entrares, e gardar distancia de seguridade cando pases pola porta e en todo o percorrido polo centro. A este respecto, están marcados no chan os vieiros para circular, evitando que te cruces con persoas que veñen no sentido contrario.
  4. Cando teñas que utilizalos aseos, segue as instrucións (que estarán na porta) sobre o número de persoas que poden estar simultaneamente (está calculado en función do tamaño e da forma dos devanditos baños). Limpa as mans con auga e con xabón.
  5. No caso de que utilices os servizos de cafetaría, sé coidadoso. Procura gardar a distancia de seguridade.
  6. Solicitámosche que non comas nos corredores ou nas aulas.

Medidas de actuación nas aulas

  1. Nestes momentos durante a clase utilizarase a máscara. Seguirase sempre as indicacións das autoridades sanitarias sobre a obrigatoriedade do seu emprego en sitios pechados, así como a distancia social de seguridade.
  2. Antes de entrar na clase, deberás lavalas mans utilizando auga e xabón ou hidroxel.
  3. Para o seguimento dos contactos solicitámosche que  captures o código QR situado na aula.
  4. Recoméndase utilizar a aplicación Radar-covid do Ministerio de Sanidade ou a Pass covid da Xunta de Galicia.
  5. Na clase están marcados os asentos que se poden utilizar. O uso deses asentos garante que gardarás a distancia de metro e medio con calquera dos teus compañeiros/as ou do profesorado.
  6. Tenta ocupar sempre o mesmo asento nas aulas ás que asistas.
  7. As aulas estarán desinfectadas ao inicio da xornada. Se entrases nunha clase que estivese previamente ocupada terás para unha maior seguridade papel  desbotable con desinfectante á túa disposición.
  8. Se tes prácticas de informática:
    1. As aulas estarán preparadas para que cada posto estea individualizado con anteparo transparentes. Deberás, en todo caso, utilizar a máscara.
    2. No caso de usar os ordenadores da aula, colocarás un film plástico encima do teclado e do rato, que botarás ao rematar nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto.
  9. Se tes prácticas de laboratorio:
    1. Ademais da máscara, o profesor/a porá ao teu dispor un protector facial, ambos son de uso obrigatorio durante toda a práctica se o profesor/a considera que polos produtos utilizados ou pola materia tratada é necesario.
    2. Cando teñas que tocar algún equipamento, deberás limpar as mans con auga e xabón ou con hidroxel, antes e despois do contacto.
    3. Ao remate da práctica, deberás deixar o material limpo e desinfectado. Segue as instrucións dadas por parte do profesorado.
  10. Despois de saír dunha actividade docente, recoméndase que laves as mans con auga e con  xabón ou con hidroxel. Por suposto, deberás utilizar máscara todo o tempo.
  11. As bibliotecas, que terán unha capacidade limitada, rexeranse polo seu propio protocolo de actuación.
  12. Están previstas medidas para o caso de que toda a docencia teña que pasar a ser en liña.
    1. Consulta na páxina web as nosas medidas para facilitar a conexión (se é que na túa casa non tes facilidades) ou para o empréstamo de material (se é que non dispós de equipamento para seguir as clases).
    2. Temos unha ferramenta para dar docencia síncrona: Campus Remoto.
    3. Tamén dispomos dunha plataforma de teledocencia.

Medidas de actuación tras a aparición dun caso diagnosticado de covid-19

  1. Tras a aparición dun caso diagnosticado de covid-19 seguiranse as recomendacións da Xefatura Territorial de Sanidade.
  2. Se es diagnosticado positivo por PCR ou es contacto estreito, deberás comunicalo por correo electrónico o máis axiña posible ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade (sprl@uvigo.gal) e a persoa responsable da covid do teu centro.
  3. A partir da diagnose seguiranse as instrucións dadas pola Consellería de Sanidade.
  4. A autoridade sanitaria e o comité de expertos/as da covid da Universidade de Vigo, en función do número de contaxios, poderá ordenar o peche dunha ou de varias aulas, dun grao, mestrado ou dun centro educativo na súa totalidade.