Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Rutas culturais 2019-2020

Deporte e benestar

01-10-2019 ata: 30-04-2020

Vinte e un anos de paseos que son moito máis que paseos. Vinte e un anos de aprendizaxe, de coñecemento, de descubrimentos. As nosas rutas culturais cumpren vinte e un anos. Porque a esencia destas rutas non é camiñar, é deixarse levar.

Este curso serán once os percorridos que se realizarán, destacando entre eles catro rutas fóra de Galicia, concretamente dúas en Portugal e dúas en Castela e León, a realización dunha etapa do Camiño Miñoto Ribeiro, un dos Camiños de Santiago máis antigos, e unha fin de semana nas Médulas.

Estes percorridos, deseñados orixinariamente para a comunidade universitaria, amplíanse ao público en xeral cun período de inscrición distinto. Ademais, facilítase servizo de autocar dende os tres campus ata o lugar de inicio da ruta e regreso.

A programación, coordinada desde o campus de Ourense por José García-Calvo, Willy, arrancará o día 19 de outubro cunha ruta por Monçao (Portugal). Será, explican desde a organización, “unha andaina polos vales do Tea e Miño que inclúe paradas interpretativas para coñecer o patrimonio cultural asociado ás guerras entre Galicia e Portugal, con visitas guiadas ás fortalezas de Salvaterra do Miño e Monçao”. No que resta de 2019 serán outros tres os roteiros que se realizarán. O 16 de novembro levarase a cabo a Ruta Camiño da Geira Miñoto Ribeiro. Camiño de Santiago (Ourense) que permitirá ás e aos participantes facer un tramo deste camiño e coñecer “as súas singularidades e a posibilidade de ser ruta oficial no próximo Xacobeo 2021”. O día 30 de novembro a andaina Paisaxes do Outono no Corazón de Galicia. O Courel (Lugo) seguirá o percorrido do PR-G 219 Ruta do Río Pequeno para que as e os participantes descubran “os soutos, fragas e panorámicas máis fermosas dunha das terras máis antigas da península ibérica, os tesos cumes da serra do Courel”. Por último, a programación de 2019 pecharase coa Ruta do Contrabando. Ruta Micolóxica e Magosto. Ribeira Sacra (Ourense) o 14 de decembro, que inclúe “unha xornada formativa sobre o fascinante mundo dos cogomelos para rematar cun festivo magosto”.

Toda a información en:  https://goo.gl/FJWR8r