Secretaría Uvigo

.:: Portal de avisos da Universidade de Vigo ::.

Defensa persoal para mulleres

Deporte e benestar

01-04-2019 ata: 03-04-2019

Taller de defensa persoal para mulleres

A Área de Benestar, Saúde e Deporte en colaboración co Gimnasio Escuela Kiap, ofrece ás mulleres da comunidade universitaria dúas xornadas de defensa persoal para mulleres.

Totalmente gratuíto e simplemente con reserva de praza no aplicativo Deporxest.

Proxecto novidoso con apoio dunha psicóloga.

O vindeiro 1 de abril de 16.15 a 17.30 e o 3 de abril de 13.15 a 14.30 no edificio administrativo da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Vigo. As mulleres interesadas poderán asistir a unha ou ás dúas xornadas, pero terán que facer a reserva en cada unha delas.

  1. Descrición:

O proxecto de Defensa Persoal para mulleres ten como obxectivo principal dotar de ferramentas físicas, emocionais e psicolóxicas ás mulleres para que deriven nunha maior confianza, seguridade e benestar. Ben a nivel laboral ou particular.

Ao mesmo tempo preténdese que o proxecto funcione como rede na que poder compartir e ofrecer un espazo de contención que atenúe o estrés, propicie o intercambio de vivencias  e sirva como apoio para as usuarias.

O proxecto que se presenta é gratuíto e experimental na Universidade de Vigo, querendo pulsar a demanda dentro da comunidade universitaria e poder ofrecelo para o vindeiro curso académico. A razón do programa sería atender unha demanda cada vez máis real na nosa sociedade, en relación á adquisición de ferramentas que permitan ás mulleres sentirse máis seguras ante unha agresión. Unha aposta por xerar unha maior sensación de seguridade nas mulleres ao mesmo tempo que aumentamos os niveis de autoestima, reducindo a percepción de indefensión.

Os exercicios que se propoñen son de moi sinxela execución e ademais, contaras co apoio dunha psicóloga que traballará o autocoñecemento e o coidado emocional.

 

  1. Metodoloxía:

As clases combinan coñecementos teóricos, con exercicios prácticos baixo os principios de eficacia e sinxeleza para que sexan asequibles a calquera persoa sen necesidade de coñecementos previos en defensa persoal.

As clases estarán a cargo dun profesor experto en artes marcíais e defensa persoal, con ampla experiencia na docencia con mulleres maltratadas.

Ademais, haberá o traballo dunha psicóloga con ampla experiencia en traballo con mulleres, igualdade, intelixencia emocional e habilidades sociais, que ofrecerá ferramentas de autocoñecemento, mellora da autoestima, xestión das emocións, recurso de comunicación, coidado propio e recoñecemento de situación de malos tratos. Metodoloxía participativa na que se combinará a exposición de conceptos teóricos, xunto con dinámicas e exercicios prácticos.