PRIMEIRA EDICIÓN DE ACTAS O sistema de avaliación recomendado para este curso de inglés avanzado é o sistema de avaliación continua. O alumnado deberá participar de xeito regular e activo nas tarefas de aula e presentar os traballos, exercicios e presentacións, requiridos conforme aos prazos establecidos ao comezo do curso. O exame final comprensivo tipo test terá lugar nas dúas semanas finais do curso. As datas precisas serán acordadas previamente co profesor das clases teóricas. As presentacións orais terán lugar tamén nas dúas semanas finais do curso segundo o horario establecido polo profesorado de clases prácticas, quen tamén fixará a data límite de entrega de traballos escritos . As alumnas e alumnos que suspendan a materia na primeira edición das actas terán que repetir e superar na segunda edición de actas en xullo aquelas partes da avaliación que non foron aprobadas. Gardarase a nota das partes aprobadas e as porcentaxes da cualificación final non variarán. O procedemento de recuperación das partes que haxa que repetir é o seguinte: - Traballos de aula. Avaliaranse por medio dunha nova proba con preguntas que recollan os mesmos obxectivos competenciais e o mesmo nivel de coñecementos dos exercicios e actividades que foron avaliadas nas sesións presenciais.
- Presentacións/exposicións. A/O alumno/a terá que volver a presentar os seus traballos unha vez corrixidas as deficiencias e inexactitudes sinaladas. Cada presentación terá lugar nunha data acordada co profesorado da materia.
- Prácticas autónomas a través de TIC. Recuperaranse por medio dun cuestionario que inclúa preguntas do mesmo tipo das contidas nos exercicios en liña durante o curso.
- Probas tipo test. Farase un novo exame das mesmas características do primeiro.
- Traballo e proxecto final. Haberá que entregar o traballo de novo, unha vez corrixido e repetir a presentación.
Aquelas persoas matriculadas que non poidan cumprir os requirimentos do curso coa regularidade esixida deberán comunicarllo de xeito razoado ao profesorado ao comezo das sesións presenciais e non farán avaliación continua. Para estas persoas existirá un modelo de avaliación única ao final do cuadrimestre por medio dun exame global e comprensivo sobre a materia e as destrezas do curso conforme ás seguintes porcentaxes: 1) Gramática e uso do inglés (25% da cualificación final) 2) Vocabulario e lectura. (20% da cualificación final) 3) Escoita (15% da cualificación final) 4) Escrita (20% da cualificación final) 5) Fala (20% da cualificación final)
Este exame terá lugar na data oficial fixada polo decanato ao comezo do curso. As alumnas e alumnos que suspendan nesta modalidade de avaliación única na primeira edición das actas en maio terán que repetir e superar na segunda edición de actas en xullo aquelas partes que teñan suspensas. Gardarase a nota das partes aprobadas e as porcentaxes da cualificación final non variarán. SEGUNDA EDICIÓN DE ACTAS (XULLO) O alumnado que non se presente á avaliación continua ou á avaliación única na primeira edición das actas terá que facer un exame das mesmas características que o exame de avaliación única de xuño, coas mesmas cinco partes e as mesmas porcentaxes: 1) Gramática e uso do inglés (25% da cualificación final) 2) Vocabulario e lectura. (20% da cualificación final) 3) Escoita (15% da cualificación final) 4) Escrita (20% da cualificación final) 5) Fala (20% da cualificación final)
A data do exame será fixada polo decanato ao comezo do curso. O alumnado recibirá a cualificación correspondente na segunda edición das actas. NOTAS O alumnado en programas de intercambio con universidades estranxeiras que estea interesado en matricularse neste curso deberá ter en conta que o libro de texto e os materiais de clases complementarios están encamiñados á preparación do Cambridge Proficiency Exam e outros títulos semellantes de nivel C (C1-C-2). A copia ou plaxio total ou parcial en calquera tipo de traballo ou exame suporá un cero nesa proba. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade neste aspecto. A avaliación terá en conta non só a pertinencia e calidade do contido das respostas senón tamén a súa corrección lingüística en todos os casos. É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades a través da plataforma FAITIC e de estar ao tanto das datas nas que as probas de avaliación teñen lugar.
|