Esta materia, orientada á especialización centrada no deseño e desenvolvemento de produtos industriais, é unha evolución da materia previa de Deseño e Comunicación de Produto que, neste caso, busca estender o coñecemento adquirido e diversificar o ámbito de aplicación das distintas técnicas, métodos e metodoloxías de deseño industrial.
Así pois, o principal obxectivo que se persegue é a de formar aos estudantes no futuro exercicio profesional da enxeñaría dentro do campo do deseño industrial dende unha perspectiva integradora cuxo fin principal é a optimización do produto industrial ao longo do seu ciclo de vida.
Para iso profundarase nas bases teóricas e prácticas das ferramentas e metodoloxías de deseño acentuando o emprego conxunto do deseño, a fabricación e, en termos xerais, a enxeñaría asistida por computador.
Ao longo das clases da materia iranse abordando distintos temas que, no seu conxunto, conformarán unha visión xeral do campo de estudo e investigación do deseño industrial en enxeñaría.
Por tanto, como obxectivos máis detallados poderíanse mencionar:
- Comprender como se realiza a xestión do Ciclo de Vida dun produto industrial na estrutura dunha empresa.
- Coñecer, revisar e comprender, dende unha perspectiva global, as distintas metodoloxías de deseño industrial.
- Practicar distintas técnicas de creatividade buscando incrementar a súa utilidade no proceso de deseño.
- Aprender os fundamentos das tecnoloxías de deseño asistido por computador (CAD) orientadas á definición de produtos.
- Estudar a integración das ferramentas CAD con outros enfoques de optimización e simulación baixo a denominación de enxeñaría asistida por computador.
- Mellorar as habilidades no manexo e uso profesional dos sistemas de modelado sólido tridimensional salientando o traballo concorrente e o deseño paramétrico.
- Coñecer o concepto de Sistema Experto e estudar a súa implementación no soporte ao proceso de deseño industrial e aquel relacionado coa toma das súas decisións inherentes.
- Desenvolver sistemas intelixentes que permitan optimizar os procesos de deseño industrial dende a selección de alternativas de deseño até a xestión da incerteza asociada ao proceso pasando pola xeración de respostas preditivas baseadas en modelos inferenciais.
Con todo isto, os estudantes, ao finalizar as clases, deberán demostrar capacidades suficientes non só no deseño de produtos senón no desenvolvemento dos mesmos empregando as ferramentas CAD de forma activa, optimizando as metodoloxías reitoras do deseño adecuadamente e definindo e validando sistemas que permitan, de certo xeito, automatizar e optimizar os resultados do proceso de deseño.