A cualificación final expresarase de forma numérica entre 0 e 10. Ofrecerase ao alumnado que curse esta materia dous sistemas de avaliación: avaliación continua e avaliación global. Considérase que todo o alumnado está en avaliación continua por defecto. O alumnado que opte por avaliación global deberá notificalo por escrito ao coordinador da materia no prazo dun mes dende o inicio do cuadrimestre. As distintas tarefas deben realizarse e/ou entregarse na data especificada polo profesorado. Se non é así, non serán cualificadas. En caso de detección de plaxio en calquera das probas (exames teóricos ou de laboratorio, prácticas de laboratorio, traballo tutelado, etc.) a cualificación final será de suspenso (0) e o feito será comunicado á dirección do Centro aos efectos oportunos. A materia componse dunha parte teórica e unha parte de laboratorio, con unha ponderación respectiva do 40% e do 60% da nota total. A parte teórica consiste nun exame final. Este exame final será igual para todo o alumnado, independentemente de que optasen ou non pola avaliación continua. O exame será na data do exame final de cuadrimestre que determine a Escola. AVALIACIÓN CONTINUA (oportunidade ordinaria) A asistencia a clase de laboratorio é obrigatoria na avaliación continua. Pódese faltar como máximo a 1 sesión de prácticas sen xustificar. Se o número de persoas en algún grupo de laboratorio é suficientemente reducido, o alumnado realizará as prácticas e os traballos individualmente. En caso contrario, o alumnado realizará ditas tarefas en grupos de 2 persoas. Neste último caso, as dúas persoas recibirán a mesma nota. Recoméndase ao alumnado en avaliación continua asistir ás clases teóricas, pois a experiencia demostra que inflúe de forma determinante na taxa de éxito da avaliación continua. É obrigatorio entregar todas as probas de avaliación continua na data estipulada polo profesorado.Tamén é obrigatorio presentarse ao exame teórico na avaliación continua. Ningunha das probas é recuperable. Se non se cumpre algunhas das condicións anteriores, o alumnado que estaba en avaliación continua perderá o dereito a ela e estará automaticamente suspenso. A nota da materia será a suma ponderada das notas correspondentes ás distintas tarefas da materia. Para poder aprobar a materia, é necesario que: · A nota do exame de teoría (NT) sexa maior ou igual que 4 sobre 10. · A nota conxunta de laboratorio (NL) sexa maior ou igual que 4 sobre 10. · A nota global da materia (NF) sexa maior ou igual que 5. Anota de laboratorio calcúlase como segue: NL = 0,25 * TTL1 + 0,25 * TTL2 + 0,20 * TTL3 + 0,30 * TTL4 sendo: TTLi = Nota dos traballos prácticos tutelados puntuados sobre 10. No caso de superar as notas mínimas, a cualificación final (NF) será: NF = 0,40 * NT + 0,60 * NL No caso de non superar as notas mínimas (nota de teoría < 4 ou nota conxunta de laboratorio < 4), a cualificación final (NF) será: NF = mínimo [4,9; (0,40 * NT + 0,60 * NL)] O alumnado que aprobe a materia mediante avaliación continua non poderá repetir de novo na avaliación global ningunha tarefa (teoría, laboratorio) co obxectivo de subir a nota. Ao alumnado en avaliación continua que entregue tódalas probas, se non aproba a materia en avaliación continua, conservaráselle a nota da parte da materia (teoría, laboratorio) na que sacase o mínimo esixido, só ata a oportunidade extraordinaria dese mesmo curso académico. AVALIACIÓN GLOBAL (oportunidade ordinaria e extraordinaria) e CONVOCATORIA DE FIN DE CARREIRA O alumnado que opte pola avaliación global (xa sexa na oportunidade ordinaria ou extraordinaria) ou pola convocatoria de fin de carreira deberá realizar un exame teórico e un exame de laboratorio individualmente. Para poder realizar o exame do laboratorio, será necesario anotarse previamente, nas datas que se comuniquen ao alumnado através da plataforma Moovi. A nota da materia será a suma ponderada das notas correspondente sás distintas tarefas da materia. Para poder aprobar a materia, é necesario que: · A nota do exame de teoría (ET) sexa maior ou igual que 4 sobre 10. · A nota do exame de laboratorio (EL) sexa maior ou igual que 4 sobre 10. · A nota global da materia (NF) sexa maior ou igual que 5. En caso de superar as distintas probas, a cualificación final (NF) será a suma ponderada das notas de cada proba: NF = 0,40 * ET + 0,60 * EL No caso de non superar algunha proba (nota de teoría < 4 ou nota de laboratorio < 4), a cualificación final (NF) será: NF = mínimo [4,9; (0,40 * ET + 0,60 * EL)] Exame de teoría O exame teórico incluirá preguntas de tipo test e problemas prácticos sobre todos os temas que se estudaron na materia. Para obter a máxima nota deberán contestarse correctamente todas as preguntas do exame. Este exame realizarase no lugar e datas que determine a Escola. Exame de laboratorio O exame consistirá no deseño de circuítos en VHDL e programas para o microprocesador utilizado na materia. Estes circuítos e programas poderán formar parte dun periférico complexo ou dun sistema encaixado e terán unha complexidade similar aos deseñados nas prácticas e nos traballos tutelados de laboratorio da materia. O alumnado deberá realizar as simulacións e probas estipuladas no enunciado do exame no tempo asignado. O profesorado pode solicitar que o alumnado lle mostre o funcionamento de cada un dos circuítos e programas. Tódolos apartados deben funcionar perfectamente para obter a máxima nota. Valorarase a adición de funcionalidade adicional á mínima requirida no enunciado. É obrigatorio entregar os ficheiros que se indican no enunciado. De non cumprirse a condición anterior, os apartados correspondentes non serán cualificados. Avaliarase o correcto funcionamento e a correcta aplicación dos conceptos teóricos aos circuítos e programas realizados durante o exame, dacordo aos mesmos criterios de valoración que se seguen para as prácticas e os traballos tutelados de laboratorio durante a avaliación continua. |