Todo o alumnado deberá decidir ó comezo do curso se opta por un sistema de avaliación continua ou por outro de avaliación única. -Avaliación continua (para quen (a) asista regularmente ás aulas, de maneira presencial ou telemática, e (b) entregue as tarefas respectando os prazos e as indicacións do profesor -(a) e (b) para o alumnado presencial e só (b) para o SEMIPRESENCIAL E NON PRESENCIAL -): para poder facer a media final ponderada, haberá que superar traballos, exame escrito e prácticas avaliables. Todas as prácticas, actividades e traballos solicitados polo docente teñen que se entregar, para poder ser avaliados, nos prazos marcados. Os discentes que non perdan o dereito á avaliación continua poderán recuperar na segunda edición das actas (xullo), na data fixada pola FFT, aquelas probas que non superasen na primeira edición das actas (maio). Se por causa xustificada algún alumno/a non pode cumprir co requisito (a), deberallo comunicar ó docente, que poderá propoñer outras actividades compensatorias. -Avaliación única (para o alumnado que opte por ela ou para quen non cumpra cos requisitos para a avaliación continua, ou renuncie a ela): poderase superar a materia, en calquera das dúas edicións de actas (maio e xullo), a través dun exame final escrito de todos os contidos teórico-prácticos da materia [40%] (que se realizará nas datas fixadas pola FFT no seu calendario oficial) e mais de dous traballos (seguindo as indicacións do docente) [25%-35%]. Cómpre superar tanto o exame coma os traballos (en cada unha das convocatorias) para poder aprobar a materia. Aínda que se opte por un sistema de avaliación única aconséllase a asistencia ás aulas. A copia ou o plaxio, total ou parcial, será avaliado cun cero na proba (traballo, práctica ou exame) en que se detecte. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade neste aspecto. A avaliación terá en conta non só a pertinencia e calidade do contido das respostas senón tamén a súa corrección lingüística. Todas as consultas realizadas por correo electrónico ou por medios informáticos (titoría virtual, skype etc.) serán atendidas no horario de titorías. |