A presente disciplina pode cursarse, na primeira convocatoria anual, en réxime de avaliación continua (en que se avaliará fundamentalmente a adquisición de competencia tradutiva e a participación regular e activa nas aulas) ou de avaliación única (exame oficial). No entanto, na convocatoria de xullo só é posible o réxime de avaliación única (exame oficial). Na primeira convocatoria anual enténdese que a/o estudante opta polo réxime de avaliación continua cando realiza algunha das actividades da avaliación continua. Para superar a avaliación continua, a/o estudante deberá obter o aprobado na media aritmética ponderada das cualificacións nas diferentes probas (ningunha das cualificacións parciais poderá en principio ser inferior a 4 sobre 10). As/os estudantes que non superen a avaliación continua mediante as actividades referidas deberán realizar o exame oficial da convocatoria de xullo. O exame oficial da disciplina (convocatorias de decembro [data, hora e lugar establecidos polo Decanato] e xullo [data, hora e lugar establecidos polo Decanato]) consta dunha parte práctica (100%) consistente nunha ou dúas traducións sobre temas tratados na clase. A copia ou plaxio nos traballos de tradución, nas encargas de tradución e/ou no exame terá como consecuencia unha cualificación global negativa. Alegar descoñecemento do que supón un plaxio non eximirá o alumnado da súa responsabilidade neste aspecto. É responsabilidade do alumnado consultar os materiais e as novidades relativas á materia a través da plataforma MOOVI, así como estar ao tanto das datas nas que as probas de avaliación teñen lugar. Esta materia non está dirixida á aprendizaxe do galego nin do inglés. Considérase que o alumnado xa posúe un bo nivel do seu idioma 1. Para poder cursar a materia recoméndase como mínimo un nivel B2 de galego. |