OBSERVACIÓNS XERAIS SOBRE O CÁLCULO DA NOTA: A avaliación continua consistirá na realización de dúas probas escritas, para os dous primeiros temas, cun peso do 15% cada un, unha práctica de Laboratorio de Matlab puntuable, cun peso dun 15% e unha entrega de exercicios a desenvolver, cun peso dun 15%, sendo o peso do exame final do 40%. O alumnado deberá presentarse ao exame ordinario de todos os contidos da materia, que suporá o 100% da nota, nos seguintes supostos: - A non realización ou entrega dalgún dos puntuables anteriores. - Obter unha nota inferior a 4 puntos sobre 10 no exame final de avaliación continua. - Obter unha nota inferior a 5 puntos na avaliación continua. Nas circunstancias descritas nos dous primeiros apartados da anterior listaxe, a nota de avaliación continua será asignada como o valor mínimo entre un 4.5 e a nota calculada segundo as ponderacións descritas previamente. En calquera caso, o alumnado que supere a avaliación continua terá a posibilidade de presentarse ao exame ordinario para subir nota. A avaliación dos alumnos/as en segunda e sucesivas convocatorias consistirá nun exame sobre os contidos da materia que suporá o 100% da nota. INTEGRIDADE ACADÉMICA: Agárdase que o estudantado teña un comportamento ético axeitado, comprometéndose a actuar con honestidade. En base ao artigo 42.1 do Regulamento sobre a avaliación, a cualificación e a calidade da docencia e do proceso de aprendizaxe do estudantado da Universidade de Vigo , así como ao punto 6 da norma quinta da Orde DEF/711/2022, do 18 de xullo, pola que se establecen as normas de avaliación, progreso e permanencia nos centros docentes militares de formación para a incorporación ás escalas das Forzas Armadas , a utilización de procedementos fraudulentos en probas de avaliación, así como a cooperación neles implicará a cualificación de cero (suspenso) na acta da convocatoria correspondente , con independencia do valor que sobre a cualificación global tivese a proba en cuestión e sen prexuízo das posibles consecuencias de índole disciplinaria que poidan producirse. Na realización das actividades académicas desta materia permítese o uso de ferramentas de Intelixencia Artificial Xerativa (IAX), empregadas de forma ética, crítica e responsable. Se
utilizou IAX, debe avaliar críticamente os resultados que proporciona,
verificar coidadosamente as citas ou referencias xeradas e declarar o
uso das ferramentas utilizadas. Non é necesario declarar o uso de IAX en
tarefas que non producen contido (revisión da linguaxe -ortografía ou
gramática- nun documento, tradución de texto, obtención de suxestións
para reorganizar o contido ou modificar o estilo dun documento ou
adaptar o formato de referencias bibliográficas). Cando se deba facer
referencia a contidos producidos por IAX (texto, imaxes, etc.),
especificaranse polo menos os seguintes elementos: contido xerado, prompt empregado
na consulta, ferramenta utilizada, versión, empresa autora do software,
data na que foi realizada a consulta e enlace ao sitio web da
ferramenta. A detección dunha situación de non declaración de uso de
IAX terá a consideración de fraude académica e aplicaranse as medidas
descritas no parágrafo anterior. |