Esta materia pretende que o alumnado adquira un conxunto de ferramentas conceptuais básicas relativas á organización política estatal que —ademais de contribuír a súa formación xeral e de proporcionarlle certos coñecementos fundamentais para outras materias— lle permitan contextualizar axeitadamente o fenómeno das administracións públicas dende a óptica da politoloxía nunha contorna multinivel e a desenvolver unha visión crítica de realidade cotiá.
De xeito exemplificativo, tentaremos ofrecer respostas a preguntas como: que é a política? Cando goza de lexitimidade o poder político? Cales son as diferencias entre o parlamentarismo e presidencialismo? E que vantaxes e desvantaxes presentan respectivamente? Que é un partido político? Como podemos definir a democracia? Como lle afectan instrumentos de comunicación como as redes sociais?