As cidades convertéronse nun motor de crecemento económico, configurándose como entidades cun forte dinamismo para o desenvolvemento de novas iniciativas e xeración e captación de talento. Ao mesmo tempo, isto provocou grandes problemas e limitacións para a súa correcta dimensión e desenvolvemento, acentuados polo seu elevado crecemento.
Entre outras cuestións económicas a ter en conta para un correcto desenvolvemento das urbes do século XXI, deben considerarse a sobrepoboación, dificultades para o acceso á vivenda, problemas de mobilidade, conxestión de servizos públicos, custos de capitalidade, falta de recursos financeiros ou o aumento da desigualdade.
Todos estes elementos teñen implicacións e ramificacións que debe ser debidamente analizadas desde a perspectiva económica. O obxectivo desta materia é proporcionar unha visión xeral de todo o que rodea á economía das cidades e, ao mesmo tempo, establecer pautas de actuación, que reduzan a intensidade dos problemas económicos desde unha óptica responsable e sostible.