A mediación é un medio para a xestión e transformación de conflitos ou situacións-problema que causan malestar, selo principal da nosa identidade como traballadores/as sociais. O contacto permanente coas persoas, familias, grupos e comunidades inmersas en conflitos ou en situacións potencialmente conflitivas avala aos traballadores/as sociais como principais profesionais da Mediación tal como sinala o Código Deontolóxico do Traballo Social aprobado na Asemblea Xeral do CGTS.
A Mediación forma parte xa dun ámbito específico dos Servizos Sociais debido ao aumento das rupturas matrimonias, separacións familiares, conflitos entre adolescentes e proxenitores, conflitos interxeracionais e aos novos modelos de familia que esixen respostas cada vez máis cualificadas e competencias básicas na intervención mediadora.
O alumnado debe preparase para experimentar o rol mediador, capacitarse para guiar ordenadamente, de maneira sistemática, ás partes en conflito asegurando que sexan as protagonistas e partícipes da súa resolución.
Esta materia presenta a Mediación como unha técnica innovadora dentro das competencias do traballo social e como un novo ámbito de investigación e emprego para as/os futuros profesionais. Pretende relacionar o traballo social coa mediación como faceta principal do noso quefacer desde os inicios da profesión, como un medio de resolución pacífica de conflitos. Sinalará os métodos alternativos de resolución de problemas e os ámbitos de intervención: familiar, escolar, comunitaria, intercultural, sanitaria e organizacional.