A finalidade primeira da Didáctica das artes plásticas e visuais é proporcionar aos alumnos unha formación artística e didáctica de calidade. Tanto no que se refire á capacidade de formalizar e interpretar producións de arte nos seus diversos ámbitos e territorios, como concepto ampliado, como no que se refire á capacidade de reelaborar os mencionados contidos para facilitar a formación dos nenos e as nenas de 6 a 12 anos.
A tarefa é construír un substrato de coñecemento teórico necesario, combinado cunha serie de destrezas e habilidades formais que armen ao alumnado dunha capacidade crítica e creativa que lle permita desenvolver ferramentas de aprendizaxe, valoración e coñecemento coas que traballar no campo da educación primaria.
Traballaremos no taller con rutinas procedimentais e elaboracións técnicas simultaneamente ao estudo de contidos xerais da historia da arte.
Estas tarefas máis convencionais convivirán coa análise e o traballo dentro dos novos espazos da arte e as novas ferramentas visuais, audiovisuais e tecnolóxicas nas que abordaremos posibilidades de traballo máis vinculadas a linguaxes contemporáneas próximas e intuitivas para os nenos e as nenas cos que o noso alumnado terá que traballar.
Exporemos estratexias de traballo colaborativo combinadas con propostas individuais dentro de estruturas de traballo por proxectos que vehicularán o transcorrer do cuadrimestre.
As rutinas habituais do noso traballo durante o curso académico alternarán a produción práctica coa reflexión teórica, o traballo de campo e as propostas de ferramentas didácticas específicas.