Lección maxistral |
Para que o alumnado adquira un dominio suficiente para traducir textos económicos e financeiros desenvolveranse algunhas nocións teóricas sobre as competencias específicas da tradución económica e financeira, as ferramentas, os mercados financeiros, o sistema económico actual e conceptos macroeconómicos básicos.
A pesar de que están neste apartado de sesión maxistral (6 h), as clases serán sempre de índole participativa e apoiadas por un soporte práctico. |
Resolución de problemas |
Neste apartado de 26 horas realizaranse análises de textos, resumos e esquemas, exercicios de tradución con textos adaptados ao nivel do alumnado así como a resolución de problemas ou dificultades de tradución.
Realizaranse diferentes traballos e/ou exercicios paralelos á tradución dos distintos textos seleccionados:
-para traballar as competencias propias da tradución económica como o protocolo de procura de información (documentación) e terminoloxía.
-para resolver calquera problema puntual relacionado coa tradución dos textos económicos e financeiros seleccionados así como co mercado da tradución do ámbito que nos ocupa.
Todos estes textos deberán ser previamente traducidos fóra da aula para a súa revisión e resolución de problemas en común nas clases.
Unha vez resoltos os devanditos problemas entregaranse todos os textos en formato electrónico (TIC) e en papel debidamente maquetados e revisados con control de cambios para seguir o proceso de revisión.
Solicitaranse, en ocasións, os primeiros borradores que o alumnado deberá realizar fóra da aula.
Identificaranse da forma seguinte:
APELIDO+NOME_TÍTULO_TXT 1_V/TH
GLOSARIOS:
O alumnado deberá crear 2 glosarios (1 directa-1 inversa) para cada ámbito temático abordado. Os termos extraeranse do corpus de textos traducidos e dos textos paralelos utilizados durante o curso. Indicaranse en cada caso as fontes utilizadas para as definicións que se inclúan no glosario en documento formato Excel cuxo modelo se atopa na plataforma FAITIC.
Este corpus servirá de ferramenta para realizar as traducións e para elaborar o traballo escrito así como para a exposición oral final, polo que tanto os glosarios como o corpus deberán estar en construción permanente desde a primeira ata a última sesión.
O corpus e os glosarios (Cf. información e modelo en FAITIC) deberanse identificar da forma seguinte:
APELIDO+NOME_GLOSSAIRE_ESP-FRA
APELIDO+NOME_GLOSSAIRE_FRA-FRA
APELIDO+NOME_CORPUS1_ESP
APELIDO+NOME_CORPUS1_FRA
|
Traballo tutelado |
O alumno deberá elaborar un traballo baixo a supervisión da profesora sobre algunha das dificultades ou problemas terminolóxicos ou/e conceptuais de tradución que aparecerán reflectidos nos glosarios ou/e sobre o mercado laboral.
A docente explicará o procedemento e as normas de elaboración do devandito traballo na sesión de presentación
da programación.
As indicacións detalladas sobre a elaboración do traballo atópanse nun documento subido á plataforma FAITIC. |
Prácticas autónomas a través de TIC |
Durante as prácticas autónomas a través de TIC, o alumnado coñecerá as bases de datos e recursos necesarios para a realización dos exercicios e/ou traducións dos textos de carácter económico e financeiro.
|