Traducir do galego para o idioma I, neste caso o francés, non é unha destreza máis no proceso de formación do alumnado, senón unha esixencia de mercado, e un xeito eficaz de autocoñecerse como profesionais da tradución. A mecánica do curso consiste en adquirir novas parcelas de competencias grazas ó coñecemento do medio traducible e grazas á progresiva mellora das capacidades de redacción na lingua francesa.
A materia vai deseñada para formar nun perfil de xeneralista da tradución, é dicir de profesional da tradución independente, capaz de intervir nun abano moi amplo de especialidades.
Coa tradución xeral proponse un modo de aprendizaxe que insiste nas fases iniciais dos proxectos e permite encetar textos de calquera especialidade. Un alumnado que saiba da diversidade das encargas e coñeza o abano de estratexias que pode desenvolver para enfrontarse a elas é un alumnado motivado para perfeccionar os produtos finais que se lle esixan nas ensinanzas do 4º curso de grao.