Descrición xeral |
Aínda que aparentemente secundario e periférico en relación cunha historia básica do cine, maltratado industrial e teoricamente durante boa parte da historia do cine, o documental representa en xeral un marco importantísimo na historia do estilo cinematográfico e ata, nalgúns casos, no ámbito industrial. Presenta á vez, e con todo, moitos problemas metodolóxicos e pragmáticos de cara a súa análise textual e histórica. A asignatura axuda ao alumno a asumir que o documental presenta unhas posicións textuais diferentes ás do cine de ficción que afectan a dispositivos formais, estilísticos e de enunciación.
O tratamento formal das imaxes e o son co mostrado produce modelos históricos diferentes, e isto maniféstase en estratexias concretas de selección, montaxe e posta en escena que distinguen ao documental como un modelo distinto ao do cine de ficción. Trátase pois de aproximarse a un dos máis fascinantes territorios fílmicos, aquel que, partindo do documental clásico (de Flaherty a Grierson) e atravesando a modernidade (de Rouch e Wiseman a Claude Lanzmann) acabará no seu período de maior autoconciencia e reflexividade por facer colisionar "documental" e "ficción" ofrecendo suxestivas experiencias que, a falta de ulteriores axustes, poderiamos cualificar como falsos documentais, cine-ensaio, películas de metraxe atopado, etc.
Estas e outras cuestións serán obxecto de estudo na asignatura. |